Anova abre a porta a renegociar a coalición con EU e Podemos para as xerais: "É hora de fronte popular"

"Non é hora de priorizar intereses partidarios, senón de xenerosidade", apunta a organización
Antón Sánchez (en el centro). AEP
photo_camera Antón Sánchez, no centro, xunto a Xosé Manuel Beiras. AEP

Anova abre a porta a sentar a negociar cos seus socios Esquerda Unida e Podemos Galicia unha coalición para as eleccións xerais da que caeu a organización nacionalista o pasado mes de abril, cando as conversas naufragaron e o partido que encabeza Antón Sánchez optou por non presentarse aos comicios despois de descartar a súa integración na alianza electoral En Común (rebautizada despois como Galicia en Común). 

"Debemos dar continuidade aos camiños diversos e plurais da unidade popular e volver á aposta pola ruptura democrática, a defensa dos dereitos sociais e das liberdades cidadás e nacionais de Galicia", sinala Anova nun comunicado emitido este mércores a raíz do fracaso nas negociacións para a formación de goberno no Estado que aboca á repetición das eleccións xerais.

No pasado abril as conversas para unha coalición naufragaron e Anova optou por non presentarse ás xerais

A organización nada baixo o impulso de Xosé Manuel Beiras lamenta "o incumprimento da vontade popular" expresada nas urnas o 28 de abril polo "bloqueo" do PSOE a un "acordo de esquerdas". Nun comunicado no que reflexiona sobre a situación política no Estado, Anova acusa o Partido Socialista de tratar de "recompoñer o réxime do 78 e o bipartidismo que o sustentou". Por iso, apela a abrir un diálogo entre "a esquerda real" para configurar "unha alternativa real á cidadanía desencantada" coa situación.

'UNIDADE POPULAR'. Así as cousas, Anova pon sobre a mesa a reformulación da chamada unidade popular, que viviu a escenificación da súa ruptura, precisamente, nas eleccións xerais do pasado 28 de abril. Despois de dous anos de desavinzas internas con dous bloques enfrontados entre si, o partido instrumental En Marea, creado para presentarse ás autonómicas de 2016, terminou por dividirse coa convocatoria de comicios ás Cortes do Estado. 

En marzo, o aparato do partido instrumental, encabezado por Luís Villares, optou por presentarse en solitario, mentres que Esquerda Unida, Podemos e Anova iniciaron os contactos para reeditar a coalición coa que, baixo o nome de En Marea, se presentaron ás xerais de decembro de 2015 e a súa repetición seis meses máis tarde. Con todo, as negociacións para a inclusión de Anova fracasaron e a dirección do partido nacionalista decidiu descolgarse da coalición En Común para non presentarse ás eleccións porque "non se daban as condicións para un acordo entre iguais", segundo concretou o portavoz nacional, Antón Sánchez. 

A organización chama a abrir un diálogo entre "a esquerda real" para configurar "unha alternativa real á cidadanía desencantada"

"Non é hora de priorizar intereses partidarios senón de xenerosidade, é hora de fronte popular", sinala agora Anova no seu comunicado, no que afirma que desde o seu nacemento no ano 2012 foi "pioneira en construír alternativas reais desde a esquerda".

PROCESO INTERNO. As eleccións municipais do pasado maio, nas que o rupturismo sufriu un importante revés coa perda de gobernos simbólicos como os de Santiago, A Coruña ou Ferrol, supuxo a apertura en Anova dun proceso interno entendido desde a súa dirección como unha sorte de refundación do proxecto nado en 2012. Un proceso que tiñan previsto culminar este outono coa convocatoria da IV Asemblea Nacional na que as bases da organización están chamadas a marcar o rumbo do partido coa vista posta nas eleccións autonómicas de 2020. 

Con todo, o fracaso nas negociacións para a formación de goberno e a introdución no calendario dunhas eleccións xerais podería modificar a folla de ruta da dirección de Anova, que barallaba a convocatoria da asemblea para outubro. 

Comentarios