Aparecen artefactos incendiarios en puntos afectados por lumes

A Xunta informa de que xa hai sospeitosos polo incendio de Ribeira
Lume en Ribeira. TWITTER (@Incendiosgalic1)
photo_camera Lume en Ribeira. TWITTER (@Incendiosgalic1)

 Varios artefactos incendiarios apareceron en distintos puntos afectados polos incendios forestais rexistrados nas últimas xornadas e as autoridades detectaron a sospeitosos do lume rexistrado este sábado en Ribeira, que xa afecta a unha superficie de 150 hectáreas. 

Diso informou este sábado o conselleiro do Medio Rural, José Gonzalez, en declaracións aos medios durante a súa visita a unha das zonas afectadas polas chamas este sábado en Ribeira, na provincia da Coruña. 

Na súa intervención, o titular do Medio Rural apuntou á intencionalidade da maioría dos lumes declarados na vaga de incendios que Galicia vive esta semana. "Esta noite, outra vez cando xa non poden actuar os medios aéreos, 16 novos incendios en Galicia no catro provincias, en diferentes puntos", censurou. 

Neste sentido, despois de lembrar que o de Ribeira iniciouse ás 23,04 horas, informou de que a Policía Autonómica e os axentes forestais das brigadas de investigación, teñen xa a "sospeitosos". 

Así, deixou claro que o de Ribeira non se trata dunha "reprodución" do lume de Porto do Son pero rexeitou dar máis datos sobre os posibles autores e o lugar de aparición dos artefactos para non interferir nas investigacións. 

"Con independencia dos motivos que pode ter algún dos que fai isto, calquera que nunha situación con estas circunstancias climatolóxicas planta lume pondo en perigo a vida das persoas e dos nosos bens, é un delincuente", subliñou.

DENUNCIAR OS INCENDIARIOS. Ademais, o conselleiro fixo un chamamento á "concienciación" e animou aos veciños a denunciar os incendiarios a través do 900 815 085. "O teléfono está a funcionar ben, incrementouse o número de denuncias, que son anónimas e confidenciais", sinalou. 

Por último, José González lembrou a importancia de que "estean limpas" as franxas da protección habilitadas ao redor das aldeas. Así, lembrou que a Xunta activou medidas para axudar aos concellos no cumprimento das súas tarefas en cuxo cumprimento serán "incisivos". 

Comentarios