Arde en San Cibrao das Viñas o anexo a unha nave industrial por mor dunha queima descontrolada

Os danos materiais son importantes

Unha queima descontrolada acabou de estragar un anexo a unha nave industrial situada preto do Polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas.

Por fortuna, ninguén resultou ferido, pero os danos materiais son importantes debido a que o incendio devorou por completo o pendello co material que almacenaba: madeira, papeis e mesmo bidóns con algún líquido inflamable.

Segundo explicaron os efectivos de extinción, o incendio orixinouse nunha queima de restos que estaban a facer no recinto empresarial e acabou de descontrolarse. O intenso fume chamou a atención dos veciños que axiña contactaron co 112 Galicia para solicitar a intervención dos equipos de extinción.

Faltaban apenas uns minutos para as sete da tarde cando se activou este operativo no que participaron os Bombeiros de San Cibrao, GES de Pereiro de Aguiar e voluntarios de Protección Civil. Ademais, contaron coa colaboración dos axentes da Garda Civil.