O armador do barco afundido en Malpica: "Hai anos que hai que ampliar o dique de abrigo"

Lamenta que as "medidas había que tomalas anteriormente" contra as correntes e non "despois de que" haxa un falecido 

Vista do pesqueiro O Silvosa. LAVANDEIRA JR
photo_camera Vista do pesqueiro O Silvosa. LAVANDEIRA JR

O armador propietario do Silvosa, Emilio Cancela Bouzas, barco afundido en Malpica o saía do porto, urxe a necesidade de ampliar o dique de abrigo deste municipio coruñés para facer fronte ás correntes, que segundo as primeiras hipóteses, provocaron o sinistro no que faleceu o patrón da embarcación, mentres outros tres mariñeiros salvaron a vida. 

"Claro que hai que ampliar o dique de abrigo, pero non agora, hai anos", reflexiona este armador en declaracións a Europa Press o día logo da traxedia. 

Cancela Bouzas denuncia que as "medidas había que tomalas anteriormente" e non "despois de que" haxa un falecido, pero como "nunca" ata agora morrera ninguén na manobra de saída do porto, "pois ata o día que pasa". 

Deste xeito, coincide coa opinión do patrón maior de Malpica, Pedro Pérez Martelo, quen recorda que no pasado xa houbo sustos", e chama a aumentar "o espigón de abrigo medio quilómetro máis para que esas correntes non dean chegado tan dentro e non ocorran problemas destes". 

Nesta liña, Emilio Cancela apunta que "aquí o temporal pega moi duro", polo que moitas embarcacións "teñen que ir para o porto da Coruña porque aquí é imposible estar".

UN PATRÓN EXPERIMENTADO. Así mesmo, o dono do Silvosa incide na experiencia do patrón falecido, José Ángel Sanjurjo Láuzara, que levaba "unha chea de anos" de traballo na mar, "moi profesional" con miles "e miles de veces" de saída, á vez que defende que o barco do que é propietario estaba "ao"día . 

Con todo, incide en que o naufraxio foi un "accidente" provocado polas "correntes" e "a manobra". "Foi un accidente nada máis, é como quen na estrada nun coche e vaise fóra", deixa claro. 

Comentarios