domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Atopado un esqueleto medieval practicamente completo no Castro de San Lourenzo

Imaxe do achado. CEDIDA
Imaxe do achado. CEDIDA
Os restos, cun excelente grao de conservación, saíron na última semana da campaña de escavación no castro en A Pobra do Brollón

A escavación no Castro de San Loureno, Cereixa (A Pobra do Brollón) proporciona un novo achado. Trátase dun esqueleto practicamente completo e en moi bo estado de conservación que se atopou nunha tumba de lousas, sen enchido de terra.

A campaña arqueolóxica -que comezou o 15 de xullo e remata o xoves 15- está promovida pola asociación veciñal da parroquia, o Concello da Pobra do Brollón e a Universidade de Lisboa, coa participación dun campo de traballo internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

"A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña, pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular", declara Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade de Lisboa. Baixo a dirección de Ayán, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 14 voluntarios do campo de traballo estaba a escavar unha igrexa e necrópole medievais no recinto do castro.

No lado norte dos restos da igrexa medieval estaba a monumental tumba do esqueleto. Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, mais o novo individuo está moito mellor conservado; os ósos están máis enteiros e achegarán máis información.

ÓSOS CHEOS DE DATOS. "Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos" explica a antropóloga física Candela Martínez. Ao levantar a primeira lousa xa se albiscou un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída.

Outros ósos conservados son os coxais (da zona da pelve), que xuntos ao cranio permiten definir a idade e o sexo do individuo, aínda que de momento é pronto para valoralo. Martínez fai unha valoración moi cautelar baseada nunha primeira observación dos ósos na que comenta que é posible que o esqueleto sexa de muller.

A dentadura achega información crucial sobre a dieta. "Coa análise de isótopos estables pódese saber a dieta que tivo o individuo na súa infancia, a partir de se consumiu máis proteína de peixe ou de carne. Isto dá pistas da procedencia da persoa" explica Martínez.

Outros datos que achegan os restos óseos están relacionados coas patoloxías que deixaron marca nos ósos ou a calidade de vida do individuo, ademais de poder obter unha datación moi precisa da época na que viviu, mediante análise Carbono 14.

"De momento o que se pode dicir é que os restos seguramente correspondan co período altomedieval"

Respecto á datación, de momento o que se pode dicir é que os restos seguramente correspondan co período altomedieval. "Polo tipo de tumba e o contexto arqueolóxico estamos falando de entre os séculos VIII e XII, máis ben do XI ou XII" declara Xurxo Ayán.

Hai que esperar aos resultados de análise do laboratorio para ter datos precisos. O equipo terminará de exhumar os restos óseos entre o martes e o mércores.

O CASTRO. O Castro de San Lourenzo é un castro mineiro romano que foi reocupado e desocupado en sucesivas ocasións no medievo como centro relixioso. Ten unha localización estratéxica con gran control visual sobre os arredores e en plena ruta xacobea do Camiño de Inverno.

Atopado un esqueleto medieval practicamente completo no Castro de...
Comentarios