miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Baixan en 27 os hospitalizados con covid e descenden a 11.742 os casos activos

Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
Os contaxios diarios caen lixeiramente a 357 e a taxa de positividade volve situarse por baixo do 5%

A presión hospitalaria segue en descenso en Galicia, que rexistra 27 ingresados menos con covid-19, deles 18 corresponden a Uci, polo que baixan a 924 os hospitalizados en toda a Comunidade galega. Tamén volven reducirse os casos activos, que se sitúan en 11.742.

Así se constata nos datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste martes, recollidos por Europa Press, nos que se indica que hai 187 persoas con coronavirus en Uci -18 menos- e 737 noutras unidades -nove menos-.

Os hospitalizados redúcense en cinco das sete áreas sanitarias, xa que na de Ourense, aínda que caen nun os que están en Uci até os 15, soben en dous os que se atopan noutras unidades e colócanse en 93. Tamén na de Lugo baixan a 25 o críticos -un menos-, pero soben en tres os doutras unidades até os 53.

Por contra, na área de Vigo os ingresados con covid en Uci mantéñense en 24, pero baixan a 102 os que permanecen noutras unidades -sete menos- e na de Pontevedra e O Salnés pasan a 15 -dous menos- e 81 -cinco menos-, respectivamente.

Os novos contaxios detectados con diferentes tipos de probas reducíronse a 357

Tamén descenden os ingresados en Uci na área de Santiago e Barbanza a 26 -catro menos- e a 99 os doutras unidades -dous menos-, mentres que na de Ferrol pasan a 20 o críticos -tres menos- e a 106 os que se atopan noutras unidades -dous menos-. Polo seu lado, a área da Coruña e Cee foi a que rexistrou o maior descenso en Uci, con sete menos, até os 62; mentres que noutras unidades aumentaron en dúas a 203.

MENOS CASOS E CONTAXIOS

Os casos activos tamén seguen con tendencia descendente na comunidade galega e sitúanse en 11.742, o que supón 722 menos que a xornada anterior. Estes caen no sete áreas sanitarias galegas.

Deste xeito, a da Coruña e Cee conta con 3.676 casos activos -168 menos-; a de Vigo, con 1.826 -supoñen 109 menos-; a de Pontevedra e O Salnés, con 1.539 -baixan en 95-; a de Santiago e Barbanza, con 1.469 -implican 141 menos-; a de Ferrol, con 1.126 -ao caer en 77-; a de Lugo, con 1.086 -outros 43 menos-; e a de Ourense, con 1.020 -descenden en 89-.

As persoas contaxiadas até o momento en Galicia ascenden a 109.328, delas 25.819 corresponden á área da Coruña e Cee; 20.587 á de Vigo; 17.577 á de Santiago e Barbanza; 14.356 á de Ourense; 11.907 á de Pontevedra e O Salnés; 11.382 á de Lugo; e 7.700 á de Ferrol.

Os novos contaxios detectados con diferentes tipos de probas reducíronse a 357 -un menos que a xornada anterior-, deles 323 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Dos últimos, 83 corresponden á área da Coruña e Cee; 61 á de Vigo; 46 á de Pontevedra e O Salnés; 44 á de Santiago e Barbanza; 35 a Lugo e outros 35 á de Ferrol; e 19 á de Ourense.

POSITIVIDADE

Até o momento leváronse a cabo en Galicia 1.592.797 probas PCR, o que supón 7.128 máis que as realizadas até a xornada anterior en toda a Comunidade galega.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- descendeu a un 4,5%, polo que volveu a situarse por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia e do que Galicia logrou baixar por primeira vez a semana pasada desde o 24 de decembro.

FALECIDOS

Os falecidos por mor do covid-19 desde o inicio da pandemia en Galicia ascenden a 2.138 despois de notificar Sanidade este martes a morte doutras 14 persoas.

Até a data curáronse en toda a Comunidade galega do coronavirus 95.465 persoas, o que leva 1.065 máis que as contabilizadas até a xornada pasada.

Baixan en 27 os hospitalizados con covid e descenden a 11.742 os...
Comentarios