Baixan os positivos diarios ata 238, a cifra máis baixa desde mediados de outubro

As PCR realizadas en 24 horas baixan en case 1.500, aínda que a taxa de positividade está no 4,8%, por baixo do 5% que marca a OMS 
Xente paseando pola Rúa do Franco en Santiago. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Xente paseando pola Rúa do Franco en Santiago. XOÁN REY (EFE)

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas en Galicia volveron caer en case un centenar, até os 238 novos positivos notificados este luns, a cifra máis baixa desde o pasado 14 de outubro, cando se rexistraron 247. 

Así consta na web da Consellería de Sanidade, con datos actualizados ás 18.00 horas deste domingo, que reflicten que todas as áreas sanitarias descenderon nas infeccións detectadas a excepción de Ferrol, con 27 casos novos, unha decena máis; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, que con 13 –un máis– repite como a menos afectada. 

Deste xeito, a área sanitaria da Coruña-Cee figura como foco da pandemia este luns ao sumar 62 contaxios, un menos que hai un día. A de Pontevedra-O Salnés é a segunda, con 54 novos positivos, tamén un menos. 

Pola súa banda, a área sanitaria de Vigo caeu desde o máis de centenar de infeccións ata tan só 35 novas (-74), mentres tamén baixaron en Lugo-A Mariña-Monforte, con 24 contaxios (-6); e Santiago-Barbanza, con 23 (-19).

AS PCR SEGUEN Á BAIXA. A web de Sanidade tamén reflicte que ata o momento se realizaron en Galicia un total de 900.062 PCR. Isto significa que nas últimas 24 horas se levaron a cabo un total de 5.470 probas, outro descenso, esta vez dunhas 1.500, con respecto á xornada anterior. 

Así mesmo, a taxa de positividade volveu a baixar unhas décimas con respecto á notificada o domingo e sitúase no 4,8%. Isto significa que Galicia está lixeiramente por baixo do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. 

Por baixo desta porcentaxe de positivos se colocan até catro áreas sanitarias: Ourense (2,2%), Vigo (2,3%), Lugo (3,5%) e Santiago (4%). Con todo, aínda están por enriba do limiar da OMS as da Coruña (9,7%), Pontevedra (9,7%) e Ferrol (6,5%).

CASOS ACTIVOS. En canto aos casos activos –persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade–, seguen coa súa tendencia descendente, con 98 menos, ata os 7.806 pacientes covid en toda a comunidade galega. É a cifra máis baixa desde o 27 de outubro, fai máis dun mes. 

Con todo, hai dúas áreas sanitarias que este luns notificaron máis casos activos que o domingo, ao sumar máis contaxios que novas altas. En concreto, son Pontevedra-O Salnés, que ten 1.156 infectados por coronavirus –20 máis–; e Ferrol, con 701 –13 máis–. 

En canto ao resto, continúan en descenso. A área viguesa aínda é a que máis pacientes suma, cun total de 2.2021 (-78), seguida da Coruña-Cee, con 1.659 (-16). 

Por baixo do milleiro se sitúan Lugo-A Mariña-Monforte, con 951 casos activos (-16); Santiago-Barbanza, con 860 (-6); e Ourense-Verín-O Barco, a área con menor presión asistencial con 458 pacientes (-15).

CURADOS E FALECIDOS. Sanidade tamén recolle que desde o principio da pandemia se diagnosticou de covid-19 en Galicia a un total de 52.202 persoas, das que 43.193 curaron, 337 nas últimas 24 horas. 

No entanto, continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na comunidade galega, que ascende a 1.205 tras as 12 novas vítimas notificadas este domingo, tres delas eran usuarias de residencias de maiores.

Comentarios