martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

"Nunca pensei que o corpo puidera aguantar tanto a calor e a dor"

Belbo Alonso, nunha praza do centro de Santiago, a onde regresou para retomar canto antes os seus estudos de Farmacia. PEPE FERRÍN (AGN) - Incendio en Soutomaior
Belbo Alonso, nunha praza do centro de Santiago, a onde regresou para retomar canto antes os seus estudos de Farmacia. PEPE FERRÍN (AGN)

O día 15 de outubro Belbo Alonso e a súa nai atravesaron un tramo dun camiño que estaba literalmente asediado polas lapas. Aínda que se salvaron, as lesións que padeceron mantivéronos no CHUAC ata hai apenas uns días.

 

Todo Soutomaior estivo pendente estas datas do estado de Belbo Alonso e a súa nai, María Sobral. Ambos foron ingresados na Unidade de Queimados do CHUAC con queimaduras de segundo grao hai cinco semanas tras escapar a pé por un camiño asedidado polas lapas que deixaron arrasado Cortellas. Tras máis dun mes de hospitalización, ambos gozan dos seus primeiros días de alta médica e tratan de recuperar o tempo perdido, a pesar de que terán que pasar meses antes de que estean curados de todo.

Pasaron cinco semanas desde que vostede e súa nai se viron asediados pola vaga de lumes no seu pobo, en Cortellas. Como se atopa?

Acabo de saír de alta da Unidade de Queimados do CHUAC e xa estou en Santiago, tratando de ver como vou facer cos meus estudos na Universidade.

Cal é a súa situación actual?

Nestas cinco semanas fixéronnos, tanto a miña nai como a min, os inxertos que precisamos e estamos recuperándonos. Espéranme seis meses con vendaxes compresoras e aplicando tratamento, para evitar que a nova pel se enrugue e para protexela na curación. Van ser 23 horas ao día con esas medias... Será longo aínda.

"Situación extrema? Eu sabía que tiña dor, pero botei auga na cara, que era o que me doía, e collín o coche para ir para Arcade"
 

Conseguiu esquecer o que pasou aquel día?

Lémbroo perfectamente. Meu pai e eu saímos porque ía ir para á Universidade. Un compañeiro recolleríame en Arcade, e de aí cara a Santiago, pero antes de chegar miña nai chamou porque estaba ardendo. Volvemos de inmediato, pero a estrada principal que leva á nosa casa xa ardía e non se podía pasar. Metémonos por outra parte onde hai un camiño no que só se pode acceder a pé. Eu fun correndo e comprobei que non había ninguén. Non estaba o coche e miña nai e miña irmá fóranse. Pero nese tempo, miña nai volveu e veu correndo cara min. Xusto ao volver, vimos que ese camiño xa estaba ardendo. Collina da man e dixen "agárrate que toca correr", e bueno, así pasou todo.

Non tiñan outra alternativa?

Sucedeu todo moi rápido, non tivemos tempo para pensar. O tramo no que corremos entre as chamas era curto. Non sei se serían moito máis de dez metros, pero... 

Tiveron a mala sorte de caer...

Tropezou ela e eu din volta para axudarlle. Si que puido influír en que nos causara máis dano a calor, porque, en realidade, non chegamos a queimarnos.

Decatáronse desde o primeiro momento de que acababan de superar unha situación extrema?

Bueno, eu sabía que tiña dor. Cando saín de alí, mareeime moitísimo, case caio, pero despois botei auga na cara, que era o que me doia, e puidemos seguir. Aínda collín un dos coches para conducir, porque pensei que miña nai non estaba ben como para levalo, e fomos varios veciños de Cortellas, meus pais, miña tía e miña irmá para Arcade. A estrada principal estaba ardendo e tivemos que botar man doutra secundaria. Despois, por sorte, cando baixamos a preto do entronque de Aranza, aínda estaba aberto o tráfico e puidemos ir a Arcade. Aí si que collimos o coche e xa fomos a Pontevedra. Conducín eu. O primeiro que se nos ocorreu foi ir ao PAC da Parda.

"Espéranme seis meses con vendaxe compresora durante 23 horas ao día"
 

E unha vez alí?

Ao pouco de atendernos xa se chamou unha ambulancia para derivarnos a Montecelo. Os médicos sempre nos transmitiron confianza. Eu, por exemplo, que tiven afectada a cara e os dous brazos e as dúas pernas, só sentía dor no brazo e a perna esquerdos. Quero dicir, que aínda que vía que saían bochas, non pensaba en nada demasiado malo. Miña nai dixo que se decatara de que a cousa era grave cando nos comunicaron que nos trasladaban ao CHUAC.

Debeu ser unha experiencia terrible. Nalgún momento pensou no peor?

Esa idea literal de "la cagamos", do risco, non a tiven en ningún momento. Mesmo lembro que, nos momentos posteriores, lles dicía a meus pais que a casa non podía arder. Pensaba que era imposible que ardera. Como moito, derretirse as persianas ou romper os cristais... Sempre tiven unha idea positiva, pero a realidade é que pensándoo ben puidemos quedar alí. Tamén direi que nunca pensei que o corpo puidera aguantar tanto a calor e a dor sen que un se desmaie.

Unha vez pasada a convalecencia hospitalaria, como analiza vostede os efectos do incendio do día 15? Foi algo excepcional, ou era algo que se vía vir?

Non me cabe dúbida de que foi excepcional. Eu desconfiaba do lume (que estaba en Pazos, no concello veciño) e quería quedar na casa, pero estamos dicindo que meu pai e eu saímos e nin se vía o lume e ao chegar a Arcade xa estaba onde a nosa casa. Outra cousa é como estaba o monte. Iso si tivo que ver, e nese aspecto teñen que ver as comunidades de montes, pero tamén os propietarios particulares. Nós por exemplo, tivemos sorte e grazas á petición que lle fixemos a algún veciño, tiñamos arredor da casa unha zona sen árbores. Grazas tamén a que eles foron comprensivos e tiveron o xesto de limpar, pero iso pasa poucas veces. O que quero dicir é que tiña que haber máis presión das administracións.

"Estamos moi agradecidos. Na Unidade de Queimados do CHUAC tivemos un equipo médico e sanitario excelente"
 

Como está sendo a volta á normalidade?

No ámbito das curas estamos vendo que aínda nos queda por diante e que o tratamento é carísimo. Cada pequeno bote de crema para a cara, por exemplo, cústame 48 euros. As vendaxes compresoras, uns 90 euros. Ata o de agora estamos pendentes das medidas de apoio, pero estamos tranquilos porque si é certo que parece que teremos axuda económica para os medicamentos e os gastos. No dos estudos tamén é difícil. Ao estar máis dun mes no hospital perdín bastantes prácticas e clases. Nese sentido tamén me están dando algunhas facilidades. Podo darme de baixa dalgunha das materias e mesmo recuperar as prácticas, ou repetilas. Estudo terceiro de Farmacia e as horas perdidas eran bastante importantes.

Como se atopa nestes momentos a súa familia?

Estamos moi agradecidos. Ese é o principal sentimento. Tivemos moitas visitas e mostras de apoio e, sobre todo, tivemos un equipo médico e sanitario na Unidade de Queimados do CHUAC que foi excelente. Moito máis aló do feito de que sexan uns bos profesionais, o cal, despois de todo é o seu traballo, son moi boas persoas. Do equipo que nos atendeu en Montecelo e Pontevedra tamén podemos dicir só cousas boas, por suposto, aínda que apenas foron unhas horas o tempo que nos trataron.

"Nunca pensei que o corpo puidera aguantar tanto a calor e a dor"
Comentarios