miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

O BNG celebra o primeiro acto coa militancia ante o 12-X cunha oferta "dun futuro digno" para Galicia

 BNG, Ana Pontón,
participa en un acto de reencuentro con la militancia
Ana Pontón e asistentes ao acto deste domingo en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
Pontón di que Galicia elixe entre "ir a menos" co PP e "escribir unha nova páxina na historia"

A portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, avisou este domingo de que nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo os galegos deberán elixir entre "ir a menos" co "inmobilismo" do PP ou "escribir unha nova e gran páxina na historia" de Galicia cunha muller nacionalista como máxima responsable do Goberno autonómico. Con ese horizonte, asegurou que o Bloque "está preparado para darlle un futuro digno a Galicia". 

A formación organizou un reencontro coa militancia no multiusos Fontes do Sar, en Santiago, ao que acudiron un centenar de persoas que tiveron que utilizar máscaras, lavar as mans ao entrar con xel hidroalcohólico e gardar as distancias. 

Pontón arrincou a súa intervención con tres caraveis: un branco como homenaxe a todas as vítimas do coronavirus, e, en especial, ás 619 que rexistra por agora Galicia. "A mellor homenaxe é defender unha sanidade pública de primeira e que nunca máis a vellez sexa un negocio", reivindicou. 

Cunha flor vermella quixo simbolizar aos traballadores de sectores como o sanitario ou o da alimentación, que "estiveron ao pé do canón no momento máis duro". Moitos deses postos, destacou, ocúpanos "mulleres precarias", polo que pediu traballar por unha Galicia feminista para "devolver un pouco" do seu esforzo.

Ademais, cun caravel azul trasladou a súa "admiración" porque os galegos mostraron que non se renden e puxeron "o colectivo por enriba do individual" nesta crise sanitaria. 

Pontón acusa a Feijóo de "esconderse tras o mando único" na xestión da crise do coronavirus

Pontón cualificou ao presidente da Xunta e candidato polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de "campión do oportunismo" por "aproveitarse" do "erro" do Goberno estatal de centralizar a xestión da pandemia. "Feijóo pasou 90 días coas súas 90 noites escondéndose detrás do mando único e dicindo que os erros eran do Goberno e os acertos de Feijóo", criticou, e engadiu que isto é o que fixo os 11 anos que leva á fronte da Xunta. 

Acusouno tamén de utilizar á televisión pública galega, a TVG, como "plataforma" para facer "campaña descarada" no medio dunha pandemia. "Pero toda a propaganda e a manipulación non tapan que levamos 11 anos de desastre en desastre para este país", afirmou.

Por iso, sinalou, o 12 de xullo os galegos teñen dúas opcións: "instalarse no inmobilismo do PP" ou "apostar polo cambio" e "abrir portas e ventás para que entre aire novo en San Caetano". O balance dos últimos 11 anos, dixo, é a posición de "irrelevancia" e "cero novas prazas en residencias públicas, cero novas competencias e máis emigración e máis crise demográfica".

Pontón manifestou a súa "ilusión polo BNG" e mostrouse "convencida" de que a formación dará "a campanada" nas eleccións do 12 de xullo e Galicia pasará a ter "unha presidencia nacionalista e unha muller presidenta". Ademais, dixo sentirse "orgullosa" de que os nacionalistas presenten como candidata "non á filla dun empresario, senón á neta dunha labrega e filla de traballadores", o cal é "toda unha declaración política".

O Bloque asegura que o balance dos últimos 11 anos é "cero novas prazas en residencias públicas, cero novas competencias e máis emigración"

CABEZAS DE LISTA. No acto interviñeron os cabezas de lista polas catro provincias, ademais doutros candidatos ao Parlamento de Galicia, como Montse Prado, a número dous por Pontevedra; Alexandra Fernández, número tres pola mesma provincia; e Xosé Luís Rivas Mini, número dous pola Coruña, trala propia Pontón. 

A número un por Lugo, Olalla Rodil, dixo que nas autonómicas decídese se Galicia volve "ao pasado", no que na 'nova normalidade' abren antes discotecas e verbenas que centros de día; mentres que o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, chamou a terminar a tarefa "que vén de lonxe, de Rosalía, de Alexandre Bóveda e de Castelao" de establecer un goberno nacionalista na Xunta. 

A candidata que abre a lista por Ourense, Noa Presas, apostou por que o BNG se dirixa ás persoas que, con esta crise sanitaria, viron os efectos dos recortes e buscan "alternativas". Pola súa banda, Xosé Luís Rivas destacou o valor dun modo de vida máis próximo ao rural. "O bichiño non brincou facilmente entre persoas porque seguimos co noso ritmo", dixo.

O BNG celebra o primeiro acto coa militancia ante o 12-X cunha...
Comentarios