sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

O BNG envíalle un libro de Rosalía a Rajoy pola rúa pontevedresa Salvador Moreno

Luis Bará. DP
Luis Bará. DP

Quere que o presidente do Goberno "entenda" as razóns para mudar o nome da vía polo da poetisa galega

O deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará remitiu ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, unha biografía de Rosalía de Castro como agasallo de Reis "para que lle axude a entender as razóns polas que o goberno local decidiu incluíla no rueiro da cidade en substitución de Salvador Moreno, militar golpista". 

"Aproveitando estas datas festivas, quero facerlle chegar un exemplar da biografía de Rosalía de Castro publicada recentemente pola editorial Galaxia, da autoría de María Xesús Lamas, que estou seguro que lle axudará a entender a riqueza, a complexidade e a extraordinaria valía da obra rosaliana", dille o parlamentario na misiva coa que acompaña o presente a Rajoy. 

Neste sentido, trasládalle que coa biografía poderá "compartir as razóns polas que a día de hoxe dá nome a unha das principais avenidas da cidade". 

Bará tamén aproveita para expresar a súa "sorpresa" polas recentes declaracións do presidente do Executivo, pontevedrés, nas que mostraba a súa "estrañeza" polo cambio de nome. "Mesmo chegou a dicir que segue utilizando a denominación que rende homenaxe a un militar golpista e ministro da ditadura de Franco (...)", comenta. 

Ao seu xuízo, iso é "razón pola que lonxe de merecer homenaxe debe ser obxecto de condena e repulsa de todas as persoas que defenden a verdade, a xustiza, os dereitos fundamentais e os principios democráticos". 

Neste sentido, o nacionalista pide a Rajoy que "promova o cambio de denominación do colexio Salvador Moreno, tamén en Pontevedra, que depende do Ministerio de Defensa, porque é unha anomalía histórica e unha falta de respecto ás vítimas do franquismo que se homenaxee a un militar golpista e genocida".

TOPONIMIA. Finalmente, na carta xunto ao agasallo, Luís Bará lembra a Rajoy a lei de normalización lingüística para solicitarlle que respecte os topónimos de Galicia, que, como recolle o artigo 10 desta lei, terán como única forma oficial a galega. 

"Permítome lembrarlle o deber que nos obriga a todos a cumprir a lei e, ao mesmo tempo, a importancia de dar exemplo desde as institucións públicas", espétalle, após reprochar o costume do presidente español de utilizar "formas deturpadas e castellanizadas", por exemplo 'Sangenjo' por Sanxenxo. 
 

O BNG envíalle un libro de Rosalía a Rajoy pola rúa pontevedresa...
Comentarios