O BNG esixe a transferencia dos portos de titularidade estatal

Pontón indicou que "non se entende que a xestión se faga a 600 quilómetros"
Ana Pontón, xunto a Néstor Rego e Francisco Jorquera. CABALAR (EFE)
photo_camera Ana Pontón, xunto a Néstor Rego e Francisco Jorquera. CABALAR (EFE)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a transferencia a Galicia dos portos de titularidade estatal para que os recursos económicos que xeran non se vaian "a Madrid", expuxo nunha comparecencia xunto ao cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, e o portavoz municipal, Francisco Jorquera. 

Nela, tanto Pontón como Néstor Rego reclamaron tamén a devolución gratuíta dos peiraos interiores do porto coruñés, denunciando a "discriminación" por parte do Goberno central en relación á condonación da débeda do porto de Valencia. 

"Non faremos o que fixeron PSOE e Podemos", dixo Pontón criticando o posicionamento de ambas as formacións a este respecto. "Hai que pór unha axenda galega real no mapa", sinalou a portavoz nacionalista ao reivindicar a presenza do BNG no Congreso tras estas eleccións xerais. 

En particular, das medidas que esta formación expón, citou a transferencia dos portos de interese xeral do Estado a Galicia "por eficacia", dixo tras asegurar que o actual mapa portuario, con competencias por parte do Estado e da Xunta, non permite "facer unha política integral". A iso, sumou a reivindicación de que os seus beneficios queden en Galicia.

En canto aos peiraos interiores da Coruña, volveu a denunciar "a discriminación" con respecto á condonación da débeda do porto de Valencia. Ademais, defendeu que debe ser o Estado o que asuma o custo das obras do porto exterior. 

"Queremos acabar coa discriminación, apostando por deputados que vaian a Madrid a defender os intereses da Coruña", engadiu. Na mesma liña, Néstor Rego reclamou a transferencia do "conxunto de infraestruturas" de Galicia. 

En particular sobre os portos, indicou que "non se entende que a xestión se faga a 600 quilómetros", mentres que asegurou que a que se fai actualmente por parte do Estado "está a beneficiar aos do Mediterráneo", afirmou pondo tamén de exemplo a condonación da débeda ao de Valencia. 

"É fundamental que o BNG estea en Madrid", insistiu cuestionando tamén o posicionamento de deputados galegos en relación ás demandas vinculadas con Galicia. 

Comentarios