O BNG non acudirá á rolda de consultas co Rei

Desde a formación nacionalista apuntan que resulta "cada vez máis inxustificable" o mantemento dunha institución "anacrónica" como a monarquía
Ana Pontón e Néstor Rego. EFE
photo_camera Ana Pontón e Néstor Rego. EFE

A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura do presidente do Goberno central

Diso informa a través dun comunicado, no que apunta que a decisión do Bloque "non só parte do profunda convicción republicana e soberanista", senón tamén por avaliar "moi negativamente" o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual. 

"Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están pondo en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante neste proceso, especialmente contra as nacións que formamos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación, que como tales nos corresponden", subliña o comunicado. 

Ademais, engade que resulta "cada vez máis inxustificable" o mantemento dunha institución "anacrónica" como a monarquía, "incompatible cun sistema que se queira democrático". 

Para o BNG, "é o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo"

A xefatura do Estado, para os nacionalistas galegos, "debe ser electa polos cidadáns". "Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco", reproba. 

Por iso, para o BNG, "é o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo". Reafirma o seu compromiso coa defensa dunha "Galicia con plena capacidade para decidir por si mesma sobre os seus asuntos de xeito soberana como premisa para poder construír un país novo, libre e próspero". 

Para rematar, reitera que ese compromiso se plasma en que fronte a este Estado español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía", o Bloque opta por defender "unha Galicia soberana e republicana".

Comentarios