O BNG non asistiu á inauguración da exposición de Castelao en protesta "pola censura e manipulación" do significado da súa obra realizadas por Feijóo.
O grupo realizará unha campaña de difusión da obra de Castelao por toda Galicia e levará ao Parlamento o debate sobre as xestións necesarias para que fique no país.
Luís Bará, que participou no acto cidadá que impulsou o debuxante Kiko da Silva no Museo, en protesta polas palabras de Feijóo e ao que acudiron centos de persoas que ateigaron a Sala Castelao, explicou antes, en rolda de prensa, que lle produxeran "asombro e indignación" as palabras do presidente da Xunta. "Coa mesma bala matou a dignidade de Bóveda e a obra de Castelao".
Desta maneira o BNG quixo denunciar "a ocultación e a mentira" que rodeou a chegada de A derradeira lección do mestre a Galicia. Ao tempo, Bará mostro a estampa orixinal do album Galicia Mártir e corrixiulle a Feijoo as imprecisións sobre o contexto no que se realizara a peza.
Kiko da Silva: "Nas palabras de Feijóo houbo indubidablemente unha manipulación intencionada"
![Kiko da Silva, debuxando no Museo diante dos asistentes ao acto. GONZALO GARCÍA]()
Kiko da Silva, debuxando no Museo diante dos asistentes ao acto. GONZALO GARCÍA
"Nas palabras de Feijóo houbo indubidablemente unha manipulación intencionada da obra de Castelao", di o debuxante pontevedrés Kiko da Silva. O autor, director da escola O Garaxe Hermético, tiña pensado acudir este venres á inauguración da exposición Castelao maxistral no Gaiás, pero finalmente decidiu non facelo en sinal de protesta polo discurso co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu a obra A derradeira lección do mestre á súa chegada á Cidade da Cultura. "Despois de escoitalo quitáronseme as ganas", explica. "Entón decateime de que se ninguén facía nada máis que iso, non ir á inauguración, pouca xente se ía enterar do que acababa de pasar".
Da Silva lanzou unha convocatoria pública a través das redes sociais para concentrarse diante do gravado da colección Galiza Mártir, que inspirou o cadro A derradeira lección do mestre e que conserva o Museo de Pontevedra, en sinal de protesta "pola manipulación da verdade" á que a peza fora sometida por parte do presidente da Xunta, segundo di.
DEBUXO EN DIRECTO. O acto cidadá, ao que se sumaron persoas particulares como a poeta Tamara Andrés, que leu un poema de Celso Emilio Ferreiro, ademais de institucións como a Deputación Provincial e o Concello, tivo lugar ás 12.30 horas deste venres, diante da obra de Castelao (unha copia nestes momentos, xa que a orixinal está cedida).
Da Silva realizou en vivo unha versión propia desa estampa, que posteriormente ten pensado entregarlle á familia de Alexandre Bóveda, en desagravio ao telo obviado Feijóo no seu discurso, cando estudosos e historiadores dan por acreditado que Castelao o retratou aí tralo seu asasinato.
"Hoxe, máis que nunca, é fundamental reivindicar o significado tanto político como social da obra de Castelao", indica Dasilva. "Este é un acto dirixido especialmente á xente nova, para que coñeza a verdade, porque non se pode cambiar a historia por moi presidente da Xunta que un sexa".
No mesmo sentido, a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, dixo sentirse "avergoñada ante un presidente da Xunta que pretende negar o que ocorreu e, para elo, utiliza un cadro que pertence á memoria da xente, nun intento por agochar a persecución e a represión á que se someteu aos mestres".