BNG, ERC e Bildu presentan Agora Repúblicas, a súa candidatura ás europeas

O acto contou coa presenza de Ana Miranda, o candidato de EH-Bildu, Josu Juaristi, e da número dous da lista de ERC, Diana Riba

O BNG, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e EH-Bildu presentaron este venres en Compostela a súa candidatura conxunta ás eleccións europeas, ás que concorrerán baixo a marca Agora Repúblicas, Orrain Errepublikak e Ara Repúbliques.

O acto, que se celebrou nun coñecido hotel compostelano, contou coa presenza da candidata do BNG, Ana Miranda, o candidato de EH-Bildu, Josu Juaristi, e da número dous -por detrás de Oriol Junqueras, en prisión preventiva- da lista de ERC, Diana Riba.

"Esta é unha candidatura para loitar contra o fascismo e para defender sen fisuras as liberdades e a democracia, así como os sectores produtivos galegos e os intereses dos seus cidadáns", avanzou a eurodeputada e candidata do BNG Ana Miranda, que xa concorrera ás últimas eleccións europeas con EH-Bildu coa candidatura "Os Pobos Deciden".

A candidata nacionalista galega asegurou que o escano no Parlamento Europeo (PE) do BNG "será o escano de Galicia", pero á vez dixo que tamén será "un escano internacionalista", a través do que buscará "potenciar as relacións cos pobos irmáns" para "construír unha Europa solidaria, fronte á Europa fortaleza que defenden algúns".

"O do BNG será un escano feminista, ecoloxista, un escano que defenda aos traballadores de Alcoa e do 'xeito', ás vítimas do Alvia ou os barcos que rescatan persoas no Mediterráneo e se atopan retidos", afirmou Miranda.

A europarlamentaria presentou como aval destas promesas "os dous éxitos alcanzados esta semana polo BNG" en Bruxelas: a reapertura por parte da Comisión de Peticións do PE do informe sobre o estado das rías galegas e a apertura por parte da Comisión Europea dun procedemento de infracción ao Estado pola seguridade ferroviaria.

Pola súa banda, a número dous de ERC, Diana Riba, destacou que o proxecto conxunto das tres formacións nacionalistas "defenden a liberdade ante a regresión democrática do Estado español" en nome "de Oriol Junqueras e o meu marido, Raül Romeva, que renunciaron a facer política porque levan máis dun ano en prisión".

"Estamos nun momento no que nos atopamos ante dúas alternativas: o populismo autoritario ou a esquerda transformadora, iso é o que está en xogo o 26 de maio", apuntou Riba, quen advertiu de que a próxima legislatura haberá na Eurocámara "deputados da extrema dereita", polo que é conveniente "reflexionar sobre que se está facendo mal".

Ante esta ameaza, a candidata de ERC chamou a loitar para que a Unión Europea (UE) "volva ser comprensible, útil e teña sentido para os seus cidadáns", o que pasaría por "reforzar e ampliar os dereitos civís e as liberdades públicas" e por garantir "unha mellor redistribución da riqueza".

Na súa quenda, o eurodeputado e candidato de EH-Bildu, Josu Juaristi, destacou a importancia de reforzar "a cultura da colaboración histórica fronte á alienación do Estado español" e trasladou a dispoñibilidade "dos compañeiros de Canarias, Asturias e Aragón" para sumarse a esta candidatura, como xa fixeran en 2014.

"Debémonos á nosa xente e aos nosos pobos e traballamos cada día desde Bruxelas para ofrecer solucións e alternativas mentres apostamos por sociedades solidarias, abertas, progresistas, feministas, ecoloxistas e democráticas", asegurou Juaristi.

O europarlamentario reivindicou a necesidade de "crear momentos políticos decisivos para os nosos pobos" e para conseguir "o recoñecemento das nacións sen Estado", un obxectivo de face ao que se comprometeu a "reforzar o traballo nesta legislatura".

ANOVA. Ao ser preguntado polas palabras do histórico nacionalista galego Xosé Manuel Beiras, quen manifestou o seu apoio ás teses do líder de EH-Bildu, Arnaldo Otegi, e suscitou para Anova a posibilidade de concorrer xunto a esta candidatura conxunta aos comicios europeos, Juaristi trasladou o seu "maior respecto á posición do BNG con respecto ás cuestións que incumben a Galicia".

Este acto, que foi presentado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o escritor galego afiliado ao BNG Suso de Touro, foi a primeira posta de longo desta candidatura conxunta, aínda que está previsto que sexa presentada próximamente no País Vasco e en Cataluña.

LISTAS. Os cabezas de lista desta candidatura serán Oriol Junqueras, de ERC, Josu Juaristi, de EH-Bildu, e Ana Miranda, do BNG, pero aínda se descoñece a composición e a orde en que figurarán nas papeletas na xornada electoral do 26 de maio, aínda que esta detallarase "próximamente".

Ademais desta lista unitaria, cada un dos partidos que integran a candidatura presentará as súas propias.

Comentarios