jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

O BNG promete leis galegas de familias monoparentais e unha valeduría da igualdade

Ana Pontón, este 8-M. XOÁN REY
Ana Pontón, este 8-M. XOÁN REY
Pontón lamenta que a Feijóo "non lle importe" pedir o voto á extremadereita

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que o programa dos nacionalistas de cara ás eleccións autonómicas do 5 de abril incluirá a redacción dunha nova lei galega de igualdade e unha "valeduría" destinada a "combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres". 

En declaracións aos medios en Santiago no marco dun encontro para celebrar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a candidata do Bloque á Presidencia da Xunta prometeu medidas que inclúen unha nova lei autonómica que "recoñeza e apoie" ás familias monoparentais, xa que "a maioría delas" están encabezadas por unha muller, e unha norma de identidade de xénero que conte "coa participación do colectivo transexual". 

"O feminismo non é unha declaración de intencións, non é unha palabra baleira, non é un lazo lila que pór na solapa cada 8 de marzo. O feminismo tense que traducir en feitos concretos, en políticas concretas", incidiu Pontón. 

Por iso, deslizou unha batería de iniciativas que incluirá no seu programa, como a nova lei de igualdade "adaptada á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista", así como esa "valeduría da igualdade" que teña "capacidade para sancionar administrativamente ás empresas cando cometan discriminación salarial ou profesional por cuestión de xénero". 

A través destas promesas anunciadas este 8 de marzo, Pontón mostrou o seu pleno apoio ao movemento feminista galego ante "a máis que necesaria e revolucionaria transformación social" que subliña algo "tan simple" como que as mulleres son "seres humanos completos, non a media laranxa de ninguén". "Somos seres libres, autónomos, con todos os dereitos e as mesmas oportunidades", reivindicou. 

Neste contexto, criticou que o actual presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, "non lle importe" pedir o voto "á extrema dereita". E é que o mandatario galego, nunha entrevista concedida este sábado a El Mundo, recoñecía que se "os 120.000 votantes que tivo Vox en Galicia nas eleccións xerais" non votan ao PPdeG o próximo 5 de abril, el non será presidente. 

"Non é só que electoralmente lle interese, senón que tamén coinciden ideoloxicamente", sinalou Pontón, quen posteriormente explicou que as "primeiras medidas" que adoptou Feijóo hai 11 anos foron "moi similares ás que tomou en Andalucía ese Goberno cavernícola" de PP e Ciudadanos –co apoio parlamentario de Vox–. 

"O que simboliza esa extrema dereita é unha forza antigalega, machista, racista, que é un perigo para a democracia" e que "até fai moi pouco" estaba "camuflada dentro do Partido Popular", sentenciou a líder do BNG. 
 

O BNG promete leis galegas de familias monoparentais e unha...
Comentarios