O BNG propón a creación dun servizo público de canguros

Ana Pontón lamenta que Feijóo só fixese "un anuncio" sobre axudas que non se concretou aínda e "responsabilice" ás familias da conciliación
Ana Pontón, este mércores en rolda de prensa. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo como unha das medidas de conciliación a curto prazo que a Xunta habilite unha bolsa de canguros á que as familias poidan recorrer ante o peche das escolas infantís e centros educativos, coma un servizo público. Ademais, pide que as familias non teñan que abonar máis que a contía que xa pagaban nunha escola infantil durante este tempo e que, aínda que accedan de forma prioritaria aquelas con un único proxenitor ou nas que ambos traballen, poidan facelo tamén o conxunto de unidades familiares. 

Esta é unha das medidas que puxo encima da mesa a dirixente nacionalista após visitar a unha familia que fai fronte ao coidado de dous menores de 3 e 7 anos xunto co traballo familiar e que son "as dificultades que teñen a maioría das familias". Ela mesma, confesou, tivo que recorrer á súa nai para coidar da súa filla recentemente nada, pero recoñece que esta situación non é viable en todas as familias pola idade dos propios avós ou diversas circunstancias. 

"Hai que pensar a curto e medio prazo en medidas de conciliación e corresponsabilidade"

Pontón advertiu de que antes do covid-19 xa era "misión imposible" a conciliación, pero coa pandemia converteuse nun "esforzo titánico" para as familias, "que non teñen alternativas" e que levan nesta situación desde marzo, cando comezou o confinamento. "Hai que pensar a curto e medio prazo en medidas de conciliación e corresponsabilidade", aseverou. 

A candidata á Presidencia da Xunta polo BNG lamentou que, despois de "tres meses de confinamento", as familias "non teñen ningún tipo de axuda" e foron responsabilizadas" da conciliación mentres que o Goberno galego "desatendeuse".

SÓ UN ANUNCIO. Ademais, dixo que o único que se coñece é "un anuncio", feito polo presidente Alberto Núñez Feijóo, dun bono de até 500 euros que "non está materializado", xa que aínda non foi publicado o decreto no Diario Oficial de Galicia, e que se presume "insuficiente" despois de "tres meses de malabarismos para conciliar a vida laboral e familiar". 

A iso, hai que sumar, dixo, que para as familias é "un luxo" poder chegar a contratar a unha persoa e preguntouse como se van a organizar campamentos infantís á vez que se sostén que "non é seguro abrir escolas infantís, que son unha contorna máis controlada". 

"É urxente que se deixe de responsabilizar ás familias, levamos tres meses sen alternativa e a situación é insustentable"

Neste sentido, e sobre a contratación, puxo encima da mesa cales van ser as "garantías" sanitarias e que perfil laboral teñen que ter estas persoas para ser contratas e encargarse do coidado dos fillos, en referencia á seguridade de buscar a unha persona nesta situación. "Non é máis que un anuncio, necesítanse medidas reais con todo o que ten que ver coa conciliación", aseverou.

SERVIZO DE CANGUROS. Así, como medida inmediata, propuxo que haxa un servizo de canguros para as familias, co fin de que "non teñan que escoller entre a vida laboral e familiar". "É urxente que se deixe de responsabilizar ás familias, levamos tres meses sen alternativa e a situación é insustentable", manifestou. 

Por iso, este servizo habilitaríase como unha "bolsa de contratación inmediata do servizo". Neste sentido, propón que, para aquelas persoas que tiñan unha praza nunha escola infantil, non teñan que abonar un custo "superior" ao que xa pagaban e, para o resto, establecer un baremo por renda, de forma que todas teñan un "acceso fácil a este servizo". 

Ao seu xuízo, debería ser prioritario para as familias cun só proxenitor ou que traballen ambos, pero "non debe limitarse" a esta situación, senón que debe estenderse "ao conxunto de pais e nais deste país".

Pontón dixo que "non se poden deixar tiradas ás persoas" con algún tipo de dependencia 

OUTRAS MEDIDAS. Pero coa mirada posta no medio prazo, Ana Pontón puxo encima da mesa a necesidade de establecer outras medidas para a conciliación, a primeira, unha xornada laboral de 35 horas mantendo os mesmos parámetros de emprego actual (a nivel cotización e salario). Así mesmo, reclamou un plan de igualdade na administración, para facer "fulcral" a "conciliación e corresponsabilidade". 

Pontón, que no confinamento tamén pediu habilitar permisos remunerados para proxenitores, tamén defendeu integrar o tramo de 0 a 3 anos no ámbito educativo e que sexa 100 por cen gratuíto para todas as familias. 

Ademais da atención a menores, tamén quixo ter palabras para a situación de dependentes. "Hai que pór en valor os coidados", remarcou Pontón, quen defendeu a necesidade de pór en marcha "un plan de valorización da atención, con rendas dignas para as traballadoras do sector". 

Así, Pontón dixo que "non se poden deixar tiradas ás persoas" con algún tipo de dependencia e fixo especial fincapé na situación que viven aquelas con un proceso dexenerativo. 

Comentarios