O bo tempo aséntase en Galicia, pero traerá frío

Un anticiclón situado nas Illas Británicas deixará ceos pouco nubrados na comunidade
Os ceos tenderán a despexarse. EFE
photo_camera Os ceos tenderán a despexarse. EFE

Galicia quedará este luns baixo a influencia dun anticiclón situado nas Illas Británicas que deixará ceos pouco nubrados e, incluso, despexados na metade sur.

Segundo información de Meteogalicia, haberá máis nubes canto máis ao norte da comunidade. Nestas zonas poderanse rexistrar chuvascos.

En canto ás temperaturas, sufrirán un descenso lixeiro ou moderado, aínda que a sensación de frío verase agravada polos ventos, que soprarán do compoñente norte. Os refachos serán máis fortes no litoral e en zonas altas.

Os termómetros poderán baixar en cidades como Lugo e Ourense ata os 4 graos. As máximas oscilarán entre os 9 graos de Lugo e os 15 de Vigo.

MARTES. As altas presións continuarán durante o martes localizadas ao norte da península Ibérica, achegando estabilidade. Isto quere dicir que se espera unha xornada en xeral de ceo pouco nubrado ou despexado, con algunhas nubes de estancamento no norte de Lugo.

As temperaturas mínimas terán un lixeiro descenso, polo que rexistraremos xeadas en moitos puntos do interior, mentres que as máximas non terán cambios significativos. Os ventos soprarán do nordés, con intervalos fortes no litoral ao principio do día, pero tendendo a amainar co avance da xornada. A tónica podería manterse ata o domingo, cando se esperan precipitacións.

Comentarios