Buscan un pescador desaparecido nas augas de Valdoviño

Caeu á auga preto da praia de Tiroteo

Os servizos de urxencia rastrexan as proximidades da praia de Tiroteo, en Valdoviño, na procura dun pescador que desapareceu ao caer á auga.

Foi un compañeiro do pescador desaparecido quen deu conta do ocorrido ao 112 Galicia ao fío das 9:45 horas.

A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas, que mobilizaron dous helicópteros de rescate. Así mesmo, o 112 solicitou a intervención da Garda Civil, dos voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, da Policía Local e do persoal médico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que completaron o operativo por terra.

Agora, os equipos de rescate centran a procura na marxe dereita do areal, concretamente nunha zona rochosa, onde podería atoparse o pescador.