Caballero: "O cambio en Galicia é posible se todos os progresistas acoden a votar"

O candidato socialista apela á mobilización e avisa de que está en xogo un goberno liderado polo PP ou polo PSdeG 
Caballero, este xoves en Santiago. PSOE
photo_camera Caballero, este xoves en Santiago. PSOE

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, apelou á mobilización e avisou de que as eleccións do próximo 12 de xullo "xóganse" entre un goberno presidido polo Partido Popular ou outro liderado polo Partido Socialista. 

"Hai dous elementos que se van a confrontar nestas eleccións: un modelo conservador, de recortes, esgotado, que quere utilizar Galicia para confrontar co Goberno de España; e un goberno progresista, de avance, socialdemócrata, para facer as mellores políticas para saír da crise e para defender os servizos públicos", sostivo. 

O tamén secretario xeral do PSdeG pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios na Praza do Obradoiro, onde estivo acompañado polos cabezas de lista da súa formación ás eleccións autonómicas. 

De cara a estes comicios e a pesar das enquisas que prognostican unha maioría absoluta de Feijóo, destacou que o PSdeG ten "unha capacidade inmensa" de mobilizar ao electorado progresista nun contexto no que "o 50% dos electores di que vai decidir o seu voto ao longo da campaña" e o "35% na última semana". 

"O cambio en Galicia é posible se todos os progresistas acoden a votar e o PSOE é a casa común do progresismo e o punto de encontro para esa Galicia de futuro e mellor", manifestou o candidato socialista, que erixiu á súa formación na "mellor resposta e alternativa" para a Xunta. 

Por iso, chamou a todos os galegos que "cren que Feijóo pode seguir sendo unha laxa como presidente" a que vaian votar. "Imos abrir unha campaña electoral para pedir a todos aqueles que apoiaron ao Partido Socialista ao longo do ano pasado que vaian votar, que é un dereito e un deber e que esa participación é fundamental", indicou.

"IMOS A DARLLE A VOLTA AOS PROGNÓSTICOS". "Imos darlle unha volta a todos eses prognósticos", sostivo Gonzalo Caballero, que se mostrou convencido de que debe de ser un executivo de progreso o que xestione a saída da crise para "protexer a cidadanía". 

E é que, segundo indicou, para "saír desta crise" Galicia non se pode permitir que o PP siga gobernando. "O PP xa xestionou a recuperación despois doutras crises e vimos como o fixo con recortes e retrocesos en dereitos", argumentou antes de defender un goberno socialista para o que "a construción dun escudo protector sexa algo prioritario". 

"O PSdeG está preparado, o 12 de xullo vai haber cambio e xogámonos o futuro de Galicia entre o PP e o PSOE, un partido que pode liderar a maioría de progreso que necesitamos", incidiu.

Comentarios