Caballero: "O único exemplo de xestión industrial que pode dar Feijóo é o escándalo de Pemex"

O candidato do PSdeG destaca o "retroceso" do PPdeG nas enquisas
Gonzalo Caballero.XOÁN REY (Efe)
photo_camera Gonzalo Caballero.XOÁN REY (Efe)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "o único exemplo" de política industrial do que pode presumir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é "o escándalo" da petroleira mexicana Pemex, con cuxo exdirector xeral, Emilio Lozoya, detido a mediados de febreiro por corrupción, se reuniu e "sacou unha foto". 

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, recollida por Europa Press, o candidato socialista á Presidencia da Xunta nas eleccións do 5 de abril criticou que Feijóo "non quere falar de industria" na Cámara galega, despois de que o PP tombase na Deputación Permanente a súa comparecencia para explicar os casos que rodean a Pemex e ao seu exdirector, que "foi prófugo da xustiza por suborno". 

Diso serviuse Gonzalo Caballero para lembrar que Feijóo chegou a "parar a emisión en directo da TVG para anunciar a chegada dunha construción de buques histórica" a Galicia, dos cales "soamente chegaron dous e un deles está paralizado no estaleiro Barreras". 

Respecto deste estaleiro, o candidato do PSdeG tamén afeou que o presidente galego o metese "nunha situación crítica" ante a cal "o Goberno de España tivo que baixar a buscar mecanismos de financiamento para solucionar" os seus problemas. 

A todo iso sumou as supostas irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas en axudas á emigración en Venezuela, os "recortes" na sanidade, os "70.000 ocupados menos" que hai na comunidade que hai 11 anos e o "despoboamento" do rural. "Feijóo é un escapista das súas responsabilidades, porque non quere ver a Galicia real, na que fixo desfeita tras desfeita", esgrimiu. 
Ante todo iso, Caballero apelou a "a cidadanía progresista de Galicia" para que vaia a votar o 5 de abril e así "retirar a un persoeiro tan nefasto para a democracia e para a política e a economía deste país". Isto será posible, asegurou, "se hai unha participación alta e activa" nos comicios. 

Preguntado sobre as últimas enquisas publicadas, que apuntan a que o PP podería revalidar a maioría absoluta, o secretario xeral do PSdeG matiza que "todos" os estudos demoscópicos recollen que os populares "están nunha fase de retroceso" e os socialistas en "ascenso". 

Comentarios