Un de cada catro nenos sabe falar pouco ou nada de galego

O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán
Correlingua 2019 en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Correlingua 2019 en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Un de cada catro nenos galegos sabe falar pouco ou nada de galego, nunha taxa que se incrementa máis de sete puntos na última década, ao pasar do 16,4% de 2008 ao 24% de 2018, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Entre os menores de 15 anos, un 38% sabe falar moito o idioma propio de Galicia, o que supón un retroceso de sete puntos en 10 anos (era do 45% en 2008). É a cifra máis baixa por tramos de idades, 20 puntos menos da media xeral na Comunidade (do 57,6%). Ademais, a porcentaxe de nenos que saben falar pouco ou nada (o 24%) supón o dobre que en toda a poboación (12%). 

Aínda que o 83,4% dos galegos di aprender o galego en casa, entre os menores de 30 anos invístese esta tendencia, posto que a escola (o 93,73%) supera o ámbito de aprendizaxe da familia (69,99%). 

O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente tamén en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán, de forma que se dispara case 15 puntos nunha década (era do 30% en 2008). Os que falan sempre en galego baixan un punto e quedan no 14%. 

XEOGRAFÍA DO EMPREGO DO GALEGO. Por ámbito xeográfico, as áreas da Coruña suroriental e da Costa da Morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, cun 93,14% e un 92,43%. 

No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 25,5% de persoas que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, a área da Coruña (un 33,55%) e a área de Ferrol-Eume-Ortegal (un 33,75%). 

Entre as sete cidades, onde hai unha porcentaxe maior de persoas que fala habitualmente en galego é Lugo (o 44,7%), mentres onde menos se emprega é en Vigo (o 15,2%).

ÁMBITOS DE USO DO IDIOMA. O 44,34% da poboación de Galicia que ten fillos fálalles en galego sempre, o 31,20% sempre en castelán, o 13,85% máis castelán que galego e o 9,50% máis galego que castelán. No tocante aos fillos, cabe destacar que ao redor da 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e ao redor do 37% sempre en castelán. 

No traballo, o 30% da ocupados fala sempre en galego cos compañeiros e o 28% faino sempre en castelán. Con todo, á hora de manter unha conversa con superiores os que empregan sempre o galego descenden ao 25% e os que usan o castelán soben ao 35,4%. 

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,12% da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego neste caso. Con todo, o 39,4% comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,07% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios. 
 

ESCRITURA MAIORITARIA EN CASTELÁN. Á hora de identificar o uso do idioma escrito, o castelán mantense como predominante de forma acusada, supón o utilizado polo 82,11% da poboación, fronte ao 16,6% que o fai en galego (o 1% restante está no apartado doutras situacións). 

Se se comparan estes datos coas persoas que falan habitualmente galego, identifícase que hai un 63,8% deles que escriben habitualmente en castelán e só un 36,2% en galego. 

Comentarios