O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o custo do cambio de axenda do xefe do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para asistir á manifestación en defensa da unidade de España en Madrid "non foi a cargo dos galegos".
Así o indicou Rueda, a preguntas dos xornalistas este martes, durante o acto de entrega dos informes de avaliación de transparencia no sector público á valedora do Pobo, Milagros Otero.
Deste xeito, o número dous do Goberno galego di descoñecer se o cambio na axenda do presidente –que adiantou a súa volta a España para asistir en Madrid á manifestación do pasado domingo– supuxo "unha variación" no custo da viaxe institucional a Estados Unidos, aínda que subliñou que, en caso de habela, "non sería a cargo dos galegos".
E é que a hipotética irrupción de Vox nas institucións galegas volveu enfrontar á oposición e ao PP despois de que o grupo maioritario rexeitase situarse sobre a posibilidade de chegar a pactos co partido de extrema dereita.