Cotelo: "Galicia é atractiva para os investigadores porque hai un ecosistema ben cohesionado"
A nova folla de ruta da Xunta para a I+D+i no próximo trienio manexa máis de 1.310 millóns de euros e prevé ata 165 actuacións. O obxectivo é captar talento, ofrecendo "unha contorna potente" para a investigación, e aproveitar as "fortalezas" de Galicia en campos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a cuántica e as tecnoloxías limpas, explica Carmen Cotelo Queijo directora da Axencia Galega de Innovación.
Cal é a idea clave que move o novo plan de I+d+i ata 2027?
É un instrumento de planificación operativa que pretende apoiar a investigación e innovación en Galicia en todos os ámbitos, desde o talento, o emprendemento, o posicionamento, a transferencia...
E cales son as principais novidades respecto ao plan 2022-2024?
Principalmente, a aposta forte polo talento, como coa creación dunha nova fundación, Galtia, para atraer 30 investigadores de primeiro nivel que veñan a traballar en ámbitos estratéxicos. Tamén aumentar o número de actuacións específicas de transferencia de coñecemento e a valorización dos resultados de investigación; que chegue ao tecido produtivo, a resultados que se implementen no mercado. Así mesmo, o plan traballa en liñas de alto impacto: o sector biotecnolóxico, tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a cuántica, e as enerxías limpas. Son xanelas de oportunidade para Galicia e todas están perfectamente aliñadas tamén coas políticas e as prioridades a nivel europeo, o que dá oportunidade de acceder a financiamento internacional para potenciar estes ámbitos ou posicionarnos neles. E outras apostas do plan son a compra pública de innovación e o fortalecemento da innovación local.
O investimento de Galicia en I+d+i en relación ao PIB aínda está por baixo da media española, cun 1,25% fronte ao 1,49% estatal, e queda lonxe dunha media europea que supera o 2%. Destaca ademais a diferenza en investimento privado, que na comunidade non chega á metade do total cando en España é o 56,6% e na UE o 66,4%.
As medidas do plan apuntan, en xeral, a aumentar o talento e que este vaia tamén ás empresas. Á parte, prevense proxectos nos que se necesita esa colaboración público-privada, mesmo de colaboración privada-privada, estimulando que as empresas poñan tamén unha parte dese investimento. Tamén se apoia ese arranque de novas empresas baseadas no coñecemento, que despois sexan quen traballe tamén con fondos de I+D+i e que xeren esa contribución privada. Ademais, imos ter como novidade unha convocatoria específica para I+D+i empresarial enfocada a apoiar a escalabilidade das empresas deste ámbito.
Apóstase polo venture building para a creación desas empresas baseadas no coñecemento.
Este modelo está pensado para apoiar con servizos a creación desas novas empresas que valoricen os resultados dos proxectos de investigación sen que necesariamente o investigador que participou na creación dese resultado teña que construír el mesmo a súa empresa. O que queremos é que os investigadores sigan enfocados en permitir que avance a ciencia. Entón, trátase de identificar aqueles resultados de investigación que son susceptibles de chegar ao mercado a través da constitución dunha empresa, e apoiar con recursos a formación desas empresas, para arrincalas con persoal especializado, facer os estudos que permitan saber cal é o mercado obxectivo, se é viable e toda unha serie de procesos de acompañamento que permitan que se valorice o resultado da investigación.
"O 'venture building' permite apoiar a creación de empresas que valoricen os resultados sen que os investigadores teñan que ocuparse diso"
Hai marcadas prioridades para a compra pública de innovación?
Galicia é pioneira nesta compra pública. Empezamos a traballar sobre todo na área de sanidade e a saúde e, despois, nos vehículos aéreos non tripulados, co Polo Aeronáutico de Galicia, e en augas. Ao final, é un método aplicable a calquera innovación susceptible de mellorar un servizo público. Agora mesmo, temos oito proxectos novos en marcha nos que se traballa no ámbito do hidróxeno, a educación, a minería...
Que fortalezas e vantaxes competitivas presenta Galicia nestas liñas de alto impacto da biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a cuántica e as tecnoloxías limpas?
Escollemos estas áreas porque xa temos moito traballado nelas. Temos xa a segunda estratexia de biotecnoloxía, neste caso de consolidación, que acaba este ano. Hai un ecosistema moi consolidado: somos a segunda rexión máis bioemprendedora de España nos últimos tres anos. É dicir, que temos moito potencial e hai moitas oportunidades a nivel europeo. O mesmo ocorre coas tecnoloxías profundas. Galicia é a primeira rexión que tivo un computador cuántico instalado no sur de Europa, o máis potente ata o momento. Temos tamén infraestruturas de comunicacións cuánticas, traballando coa Universidade de Vigo. Temos un ecosistema que ofrece un mapeo de investigadores moi amplo. A intelixencia artificial está noutro punto, pero temos unha oportunidade grande de aplicala a practicamente todos os sectores produtivos. E no caso das tecnoloxías limpas, Galicia é un dos máximos produtores de enerxías renovables. Temos moito potencial nos recursos naturais, que podemos facer que impulsen ese tecido produtivo máis eficiente, menos dependente dos combustibles fósiles.
"Temos en marcha oito proxectos novos de compra pública de innovación nos que se traballa no ámbito do hidróxeno, a educación, a minería...
Falan de crear "factorías" de IA.
Convén facer esa integración, esa compartición de recursos, de datos e coñecemento, para que as universidades, os centros tecnolóxicos e as infraestruturas singulares poidan tamén achegar ese coñecemento ao tecido produtivo, sobre todo ás pemes, para que sexa máis
competitivo a nivel europeo. Porque, se non, isto será imposible.
E Galicia está en condicións de competir en salarios e medios para captar a eses investigadores de prestixio internacional?
Galicia ten xa 21 investigadores bolseiros polo Consello Europeo de Investigación (ERC) e 32 proxectos financiados. É dicir, Galicia é atractiva para eles, porque hai un ecosistema ben cohesionado, con centros de investigación, centros tecnolóxicos e outras estruturas que poden utilizar. É verdade que en salarios hai outras rexións europeas moito máis competitivas, pero una das cousas que máis pode motivar a un investigador é ter unha contorna potente na que investigar e desenvolverse. Non só unha única institución, senón unha rexión en si mesma. Realmente, a función de Galtia é captar a ese investigador excelente que trae consigo todo o que vai xerar ao redor: proxectos, capacidade de atraer novos investimentos, equipos, novo talento con dou-
torandos, posdoutoramento...
"Hai rexións moito máis competitivas en salarios, pero ao investigador motívao ter unha contorna potente"
Á parte de captar, tamén está reter. E aquí as queixas sobre precariedade ou dificultades para desenvolver carreiras son un clásico.
Temos varias medidas que van dando cobertura á carreira investigadora desde o momento do predoutoramento e doutoramentos industriais que permiten que a etapa se realice xa en contacto directo coas empresas, establecendo aí un nexo. Entre predoutoramentos e posdoutoramentos cubrimos dez anos de apoio ininterrompido, que é o máximo que nos deixa a lei de ciencia. Logo damos apoio aos grupos de investigación a tres niveis. Temos Oportunius, que permite incorporar persoal investigador excelente que teña unha bolsa de ERC, e agora imos tamén promocionar a captación de candidatos a financiamento europeo do programa Marie Curie.
En que consisten os plans locais de I+d+i?
É un tema no que estamos a empezar a traballar e que imos desenvolver conxuntamente cos concellos, que non sempre teñen persoal dedicado á innovación. Xa nos reunimos con algúns. A idea é identificar cales son os seus retos, exemplos de éxito que se poden replicar, as ferramentas á súa disposición e como poden colaborar cos axentes do ecosistema de I+d+i. En función diso, vese que financiamento existe ou pode ser necesario, mesmo para que se poida activar unha compra pública de innovación. Os concellos son un axente moi relevante, porque están moi preto do usuario, do cidadán e das empresas do seu contorno, co cal podemos facer ese dobre papel de achegar mellores servizos públicos e de axudar a dinamizar ás empresas que hai no lugar.