As catas confirman contaminación por lindano en 12 pozos e unha fonte no Porriño

Sanidade descarta a afección na traída de auga potable

As catas realizadas na zona de Contrasto, no Porriño, confirmaron a contaminación por lindano en 12 pozos particulares e nunha fonte, que foi clausurada, mentres que quedou descartada a afección na traída de auga potable.

Así detallouno a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijóo, quen indicou que o Concello do Porriño fornecerá auga potable aos propietarios dos pozos e elaborará un proxecto de urxencia para conectar estas vivendas coa rede de abastecemento.

En paralelo, elaborouse un protocolo de atención aos veciños da zona que incluírá análises de sangue no centro de saúde para detectar unha eventual contaminación.

Ángeles Feijóo recalcou que para que exista unha afección na saúde, a exposición ao lindano debería ser "moi intensa" e prolongada no tempo, e engadiu que as taxas de incidencia do tipo de cancro co que se relaciona a este praguicida, o linfoma non Hodgkin, son "moi baixas" na zona de Contrasto.

Unha zona que, indicou Feijóo, é considerada como "prioritaria" nos labores de comprobación de contaminación por lindano, tendo en conta de que alí déronse os casos "más agudos" de reacción alérxica a este químico, aínda que non é a única, xa que se sospeita da súa presenza noutras parroquias do Porriño e Mos.

Comentarios