Centos de traballadores das ambulancias inician as protestas por un "convenio digno"

Houbo concentracións ante os principais hospitais galegos

Centenares de traballadores de transporte sanitario concentráronse este xoves diante dos hospitais de referencia das sete cidades galegas coas que inician mobilizacións para reivindicar un "convenio digno" e un "servizo público de calidade" para o sector de ambulancias en Galicia. 

Baixo o lema Por un convenio digno e un servizo público de calidade. Ambulancias en loita realizáronse concentracións a partir das 11.00 horas na Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ferrol, Pontevedra e Vigo, así como no comarcal do Salnés. 

En declaracións a Europa Press, o responsable de transporte sanitario de UXT e membro do comité de folga, Óscar Vázquez Vázquez, destacou que se "superaron as expectativas" de asistentes a estas concentracións ao ser unha xornada laboral "normal". 

Vázquez, que apuntou unhas "80 persoas" na concentración de Ourense, asegurou que "a xente está animada" porque non lles "deixan outra saída". "A xente está con ganas de loitar polo convenio e que non nos deixen de pagar o salario", abundou. 

Nesta liña, o portavoz de CC.OO. Pedro Beade sinalou a Europa Press que na concentración da Coruña reuníronse uns "cen traballadores" do transporte sanitario da comarca como "punto de arranque" das mobilizacións que inclúen folga "en catro tramos" desde o 8 de febreiro. 

"Todo isto polo cuarto convenio do transporte sanitario, que é un colectivo de máis de mil traballadores que leva catro anos sen ningún tipo de aumento salarial e tres anos de negociación en balde", lamentou Pedro Beade. 

Por parte da CIG, Inácio Pavón manifestou a Europa Press que en Santiago de Compostela participaron máis de 30 traballadores na concentración no Hospital Clínico e resaltou que nesta convocatoria de protestas "todo o sector vai unido".

"LOITA CONTINUA". Pedro Beade asegurou que este servizo público "está en loita" porque lles "condenan" a "estar en loita continua". Por iso, advertiron de que continuarán con mobilizacións polo menos até marzo "se non hai ningún tipo de noticia por parte da patronal ou a administración". 

Respecto diso, Inácio Pavón lembrou que o pasado 11 de xaneiro na "última reunión" coa patronal de ambulancias en Galicia os empresarios confirmaron que mantén a redución do 10% dos salarios e non garanten o seu pago desde o 31 de marzo. 

Por iso, ante a falta de implicación da Administración sanitaria galega e a postura dos empresarios, os traballadores optaron por un calendario de mobilizacións que comeza este xoves e "ir á folga desde o día 8 de febreiro". 

Deste xeito, CIG, CC.OO. e UXT anunciaron o pasado luns a convocatoria de folga que se desenvolverá de forma intermitente do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 do mesmo mes; e do 4 ao 10 de marzo, após o que se converterá en indefinida. 

O 061 lembra que a negociación do convenio de ambulancias 'constitúe un asunto privado' de empresas e sindicatos 

061. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pola súa banda, manifestou que a negociación do convenio de ambulancias "constitúe un asunto estritamente privado" das empresas do sector e dos sindicatos con representación nas mesmas. 

Así o trasladaron, en declaracións a Europa Press, fontes do 061, que aclararon que a atención ás urxencias e emerxencias sanitarias no medio extrahospitalario "ten o recoñecemento de servizo esencial para a poboación". 

Por tanto, asegura que "se está prestando as 24 horas do día e os 365 días do ano sen que a convocatoria de xornadas de folga prexudique a calidade asistencial do servizo e a cidadanía poida exercer o seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades"

Comentarios