lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Os centros terán 7 días para deseñar clases 'online' que se activarán en caso de corentenas 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na presentación do plan para facilitar o sistema de educación virtual. XOÁN REY (EFE)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na presentación do plan para facilitar o sistema de educación virtual. XOÁN REY (EFE)
O plan de docencia non presencial aplicarase en caso de confinamento de aulas ou centros en 3º de Primaria e nos cursos seguintes

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade dará unha semana aos centros, a partir dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) de forma "inminente", para adaptar os seus horarios a un plan de docencia non presencial. Este activarase para 3º de Primaria e os cursos seguintes no caso de que unha aula completa ou todo o colexio deban gardar corentena pola pandemia do coronavirus. 

Así o anunciou este luns o conselleiro do ramo, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa para presentar o plan de ensino virtual ante a covid-19 elaborado pola Xunta. Neste acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e o director xeral de Educación, José Luís Mira. 

Trátase, en palabras do conselleiro, dun documento que pretende "regularizar, ordenar e estruturar o ensino a distancia" destinada para aquelas aulas e centros que teñan que confinarse. "O obxectivo principal é que a crise sanitaria non derive, en ningún caso, nunha crise educativa", resumiu. 

Unha das principais novidades que contén este plan é a elaboración do que Rodríguez denominou "horarios espello": unha programación adaptada ao modelo telemático de deberá seguir un esquema "semellante ao ensino presencial". 

De feito, deberá respectar os descansos dos alumnos e as cargas lectivas de cada materia, cunha distribución que terá un mínimo do 60 por cento de docencia virtual e o 40 por cento restante para tarefas e actividades por parte do estudante. 

Este horario adaptado deberá estar preparado e enviado tanto ás familias como á Xunta nun prazo dunha semana a partir da publicación dunha resolución no DOG, o cal será de forma "inminente". "Hoxe ou mañá", asegurou o conselleiro, preguntado respecto diso na rolda de prensa. 

Ademais, Rodríguez explicou que o plan da Xunta contén instrucións a seguir en canto ao control da asistencia e para a avaliación do alumnado, ademais de que contempla a distribución de ferramentas informáticas para estudantes "con necesidades ou con carencias" neste sentido. 

Os centros terán 7 días para deseñar clases 'online' que se...
Comentarios