Citan como investigado ao xefe de Policía Autonómica de Vigo por acosar a unha axente

A traballadora denunciou o caso e pasados uns meses solicitou o traslado de unidade

O Xulgado de Instrución número 8 de Vigo chamou a declarar como investigado ao xefe da Policía Autonómica de Vigo, Antonio T.R., por mor da querela presentada por unha axente por supostos delitos contra a integridade moral e de acoso sexual e laboral no contexto dunha relación profesional xerárquica. 

Así o confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras do caso, que explicaron que a querela da muller xorde de "diversos comentarios improcedentes nun contexto laboral" por parte do seu superior, así como de "certas condutas laborais que denotan a existencia dun acoso laboral (mobbing) e discriminación respecto doutros compañeiros". 

A partir da querela, presentada no último trimestre do pasado ano, a axente foi chamada a declarar ante o xulgado para ratificar a mesma. Ademais, este xoves compareceron catro testemuñas propostas pola parte denunciante, quen trasladaron algunhas "frases e expresións que fixo o superior" nas que se apreciaría unha suposta "discriminación e depreciación inxusta" cara á muller. 

Neste marco, foi chamado a declarar no xulgado o próximo día 8 o inspector, quen comparecerá en calidade de investigado en relación con estes feitos, que aínda non están cualificados xuridicamente. Así mesmo, non se descarta que en próximas datas sexan citadas máis persoas a petición das partes acudidas na causa.

Prefire perder diñeiro e irse, remacharon estas fontes

TRASLADO DE UNIDADE. Fontes próximas á querellante trasladaron a Europa Press que a axente primeiro presentou un escrito interno para denunciar estes feitos, a partir do que se abriu unha investigación. No entanto, sostiveron que "non se soubo nada máis", polo que finalmente presentouse a querela. 

Por estes feitos, a muller, que é membro do Corpo Nacional de Policía aínda que estaba destinada a unha unidade adscrita á Policía Autonómica, estivo de baixa varios meses e posteriormente decidiu pedir un cambio de destino, co que agora está na comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela

"Ela quería traballar, pero non no mesmo sitio", manifestaron estas fontes, que confirmaron que no seu novo destino a axente "está contenta", a pesar de que co cambio deixa de percibir 3.000 euros ao ano --en complementos por estar adscrita á Policía Autonómica-- e suponlle trasladarse entre Vigo e Redondela. "Prefire perder diñeiro e irse", remacharon estas fontes.