martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Condenado a 20 anos de cárcere o home que degolou a súa muller na Coruña en 2018

Audiencia Provincial de A Coruña. EFE
Audiencia Provincial de A Coruña. EFE
O xurado descarta por unanimidade que o home realizase un auxilio ao suicidio á vítima, tal como defendía o acusado 
 

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 20 anos de cárcere, como autor dun delito de homicidio, ao home que en xullo de 2018 degolou a súa muller no domicilio que compartían na rúa da Estrella.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), de acordo co veredicto do tribunal do xurado, á hora de ditar a pena, a Audiencia tivo en conta as agravantes de parentesco e de xénero, así como a atenuante de confesión, pois o acusado chamou ao servizo de urxencias 112 para confesar que degolara á súa muller.

O sospeitoso alegou durante o xuízo que cometeu os feitos "atendendo a expresa petición que de xeito insistente lle realizara a súa esposa de querer pór fin á súa vida".

Con todo, o xurado descarta, por unanimidade, a cualificación de auxilio executivo ao suicidio solicitada pola defensa porque os médicos aseguraron que a muller era "totalmente válida" para poder quitarse ela mesma a vida.

Condenado, segundo consta na sentenza, apuñalou á vítima "sen importarlle os anos que durara a súa relación de parella e sendo consciente da situación de debilidade, tanto física, pois nese momento pesaba uns 38 quilos, como anímica, pola forte depresión que sufría e a medicación que estaba a tomar, o que lle facilitou a execución da acción". 

Este feito, segundo explica o maxistrado presidente no fallo, supón que o delito de homicidio sexa agravado e, xa que logo, aumente a pena de prisión.

NON HAI ASASINATO. O xurado descartou que o acusado cometese un delito de asasinato ao non probarse a concorrencia de aleivosía nin ensañamento.

"Nin os médicos forenses nin os funcionarios do Corpo Nacional de Policía puideron precisar as posicións nas que se atopaban o acusado e a vítima no momento no que se produciu o ataque co coitelo para así poder deducir que se fixo de xeito sorpresivo", indica o maxistrado presidente na sentenza.

En canto ao ensañamento, o xurado non estimou probado que o acusado actuase "co propósito de causar á vítima unha dor e sufrimento innecesarios para acabar coa súa vida".

Condenado a 20 anos de cárcere o home que degolou a súa muller na...