
A Área Sanitaria de Ferrol confirmou este martes a aparición dun caso positivo de covid-19 no municipio de Cedeira, tras permanecer a comarca desde o pasado 19 de xullo como a única área sanitaria de Galicia sen casos activos de coronavirus.
O Concello cedeirense sinalou que a persoa afectada está "a gardar a corentena na súa casa", e que permanece en situación de illamento "controlada polos servizos sanitarios".
"Tratándose dun só caso en ningún momento podemos falar de rebrote", matizou o goberno local na súa páxina oficial da rede social Facebook. Ademais, instou a usar máscara e "manter unha correcta hixiene, pondo especial coidado no levado de mans".
Ao mesmo tempo, o Concello de Cedeira avogou por cumprir "coas normas indicadas de distancia social para protexernos e protexer ao resto de persoas".