As consagradas que defenden ao líder dos Miguelianos piden a suspensión do xuízo

A súa avogada asegura que non puido acceder a información fundamental para a súa defensa

Miguel Rosendo, líder de la orden de los miguelianos. AGN
photo_camera Miguel Rosendo, líder de la orden de los miguelianos. AGN

A representante legal de tres das supostas consagradas dos Miguelianos, Beatriz Seijo, anunciou este xoves na Coruña que presentou un escrito pedindo a suspensión do xuízo, cuxo inicio está previsto para o día 26 de setembro, por non poder acceder a toda a información que se atopa nos dispositivos persoais dos acusados incautados en decembro de 2014.

Seijo, que defende, entre outros, a Marta Paz, man dereita do líder da presunta seita, manifestou que a información que conteñen eses dispositivos é fundamental para a súa defensa xa que ao seu entender serviría para probar a inocencia de todos os acusados. "Levamos anos pedíndoa e dannos acceso poucos días antes do xuízo oral", subliñou.

Tamén afirmou que non lle facilitaron o acceso necesario para revisar eses dispositivos xa que tan só lles deron un día para revisar e copiar centos de horas que había almacenadas neses computadores ou tabletas.

A avogada tamén asegurou, segundo o que lle din os seus peritos, que os dispositivos e a información almacenada neles tivo "accesos, borrados ou alteracións", de alguén sen poder dicir quen, que poderían levar a solicitar a nulidade do xuízo se finalmente os seus peritos poden demostrar ante a xuíza que falta información e que foi borrada intencionadamente".

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes os sacerdotes, Eduardo Lostao e Juan Luís Castón, e aseguraron que "non temos garantías no xuízo polo que suplicamos e esiximos que non se pode levar a xuízo a unha persoa nestas condicións". Estes sacerdotes insistiron na inocencia de Miguel Rosendo, líder da presunta seita, e que todo se trata "dunha montaxe moi ben elaborada".

Rosendo enfróntase a 66 anos de cárcere
Se non hai cambios, o xuízo celebrarase na Audiencia Provincial de Pontevedra durante 13 xornadas entre o 26 de setembro e o 7 de novembro. Hai que recordar que a Fiscalía pide 66 anos de cárcere para o líder da extinta Orde e Mandato San Miguel Arcanxo, Feliciano Miguel Rosendo da Silva, por tres delitos contra a liberdade sexual, cinco de coaccións, doce contra a integridade moral e un de asociación ilícita. 

Ademais de Rosendo sentarán no banco dos acusados outras seis persoas, entre elas dúas pseudomonxas ou "consagradas", para quen o fiscal pide dous anos de prisión por un delito de asociación ilícita. 

Segundo consta no escrito de acusación o fiscal atribúe a Miguel Rosendo, en prisión provisional desde novembro de 2014, tres delitos contra a liberdade sexual, un de agresión sexual continuado e dous de abuso sexual continuado. 

Comentarios