Continúan os traballos para restablecer a circulación ferroviaria entre Ourense e Vigo

É a única liña en Galicia que permanece cortada 

Excavadora retirando as pedras e a terra que caeron sobre a vía en Pantón o pasado venres. EP
photo_camera Excavadora retirando as pedras e a terra que caeron sobre a vía en Pantón o pasado venres. EP

Persoal de Adif continúa este luns os traballos para restablecer a circulación ferroviaria entre Ourense e Vigo, cortada desde hai unha semana por un desprendemento e a única que nestes momentos permanece interrompida. 

Segundo informaron a Europa Press fontes de Adif, na rede ferroviaria galega só está activa esta incidencia, que mantén desde o luns 12 cortada a circulación de trens entre Ourense e Vigo. 

Foron as intensas choivas do temporal as que provocaron na mañá desa xornada un corremento de terras e unha focha no tramo Arbo-Fieira da liña, o que deformou a vía e obrigou ao seu corte. 

Desde aquel momento, efectivos de Adif traballan para volver á normalidade a infraestrutura e estímase que poida reabrirse ao longo desta semana.

ATA TRES CORTES. A rede ferroviaria galega rexistrou o venres ata tres cortes simultáneos por afeccións relacionadas co temporal, que causaron atrasos e obrigaron a trasladar os pasaxeiros por estrada. 

En concreto, na medianoite do xoves ao venres produciuse un descarrilamento en Pantón por mor dun obstáculo na vía, que obrigou a pechar a circulación na zona ata pasadas as 18.00 horas do venres. 

Posteriormente, durante a noite, a zona entre Os Peares e San Estevo de Rivas de Sil, no mesmo tramo, rexistrou un corte de dúas horas por novos desprendementos. 

Finalmente, durante o venres tamén permaneceu cortada a circulación ferroviaria no tramo Tui-Portugal por un desprendemento de pedras e terra rexistrado no municipio de Tui e que se solucionou a media tarde. 

Comentarios