O covid non cambia o perfil do peregrino, pero a súa chegada a Santiago cae un 80%

Unha investigación da USC analiza o impacto do coronavirus na oferta e a demanda na ruta xacobea
Peregrinos recorriendo el Camino de Santiago a su paso por Sarria. AEP
photo_camera Peregrinos recorrendo o Camiño. AEP

Unha investigación sobre a afectación do coronavirus ao Camiño de Santiago conclúe que "non aparece un novo perfil de peregrino", senón que os camiñantes deste ano correspóndense cos que se atopan no ámbito "lúdico". 

Así figura na investigación coordinada por Dolores Riveiro, que analiza o perfil do peregrino. É unha das dúas do Grupo de Análise e Modelización Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), financiadas no marco da Cátedra do Camiño. 

Deste xeito, redúcese a diversidade dos camiñantes, mentres perden peso as motivacións relixiosas. Hai un maior presenza de homes que de mulleres. 

Na investigación liderada por Roberto Bande Ramudo conclúese que hai un impacto "moderado" na capacidade de carga turística do sector vinculado á Ruta Xacobea. 

Así, obsérvase unha caída acusada na demanda, "moito maior que a redución na capacidade de carga turística". O feito é que nalgún dos últimos meses como xullo e novembro a caída de chegada de camiñantes respecto doutros anos superou o 80%, mentres en setembro alcanzou o 78% de descenso e en agosto o 68%. 

"O cálculo de índices de demanda (número de peregrinos/prazas ofertadas) permitiu comprobar que a caída na demanda foi tan forte que non se xeraron presións sobre a oferta de aloxamento. De feito, parece razoable supor que esta non fixo senón axustarse á demanda existente, o que explicaría o peche temporal de moitos dos establecementos situados ao longo do Camiño", indica Bande Ramudo.

PLAN DE ATENCIÓN AO PEREGRINO. Por outra banda, este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a Comisión Galega de Protección Civil que aprobou por unanimidade o plante de atención ao peregrino para 2021. 

Estará activado do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2021 e a súa implantación afecta a 138 municipios das catro provincias por onde discorren as 10 rutas xacobeas. 

Comentarios