Crecen por terceiro día os casos de coronavirus en Galicia, que xa superan os 200

Os infectados na Mariña mantéñense en 51, cun alta e un novo caso
Una mujer paseando a dos perros con mascarilla. EFE
photo_camera Unha muller con máscara paseando a dous cans. EFE

O número de casos de Covid-19 activos en Galicia experimentou un repunte e alcanza os 217, fronte aos 196 rexistrados o sábado, segundo os últimos datos facilitados polas autoridades sanitarias.

A área sanitaria con máis casos segue sendo a de Lugo, con 85 activos, cinco máis que o parte anterior. Tamén aumentan os contaxiados na da Coruña, ata 59 (+7); a de Pontevedra, ata 19 (+4); a de Santiago, a 13 (+2); e a de Vigo, ata os 35 (+3).

No lado oposto atópase a área sanitaria de Ourense, onde as altas contabilizadas permitiron que baixen en dúas os casos activos de coronavirus, ata os 6, mentres que a área de Ferrol continúa este domingo como a única libre de Covid. 

De acordo coa información da Consellería de Sanidade, do total de pacientes positivos, hai un na Uci e 11 atópanse en unidades de hospitalización, posto que a área da Coruña contabiliza un máis que o sábado. Os restantes, 205 contaxiados, están en seguimento domiciliario.

Ata este domingo, Galicia rexistra 11.220 persoas curadas –nove máis que o parte anterior– e 619 falecementos, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes que deixa a pandemia na Comunidade permanece sen variación desde o pasado 10 de xuño. 

En canto aos casos de Covid en residencias, a situación continúa estable desde o venres, cando Sanidade notificou o positivo dunha traballadora dun centro de Xove (Lugo) que, segundo fontes próximas, contaxiouse, do mesmo xeito que outros familiares, por unha visita procedente de Cataluña.

O número de PCR realizadas en Galicia ata o momento é 243.152, o que supón 1.440 probas máis con respecto aos datos do sábado. 

Comentarios