Críticas á remodelación da comisión de garantías de Podemos

Dous afíns a Bescansa insisten en que se fixo entre "mentiras" por pedir que se auditaran as primarias

Antón Gómez Reino. AEP
Antón Gómez Reino. AEP

Dous membros da comisión de garantías de Podemos Galicia —Vanessa Vidal e Bieito Cambeiro, ambos os afíns a Carolina Bescansa— publicaron este martes un escrito no que acusaron á dirección de reestruturar este órgano nun movemento "sen garantías" que levou a cabo con "acusacións" e "mentiras" contra as persoas que o conformaban. Desde Podemos Galicia sosteñen que a reestruturación se debe a que, logo da III Asemblea Cidadá, este órgano nunca estivo completo porque unha persoa dimitiu incluso antes de constituírse o mesmo, polo que era preciso substituíla.

Vidal e Cambeiro negan esta afirmación e reclaman "transparencia" para "eliminar calquera tipo de sospeita" sobre o proceso interno, insistindo en que a petición de realizar a auditoría é válida e debe ser atendida pola secretaría de organización estatal baixo o mando de Pablo Echenique. No texto, presentado nas súas redes sociais, Vidal e Cambeiro sosteñen que a dirección de Antón Gómez Reino cambiou este órgano "imparcial e independente" sen seguir as canles normativas despois de que este pedise auditar de novo as eleccións nas que se impuxo a Carolina Bescansa.

Comentarios