A CRTVG arquiva o expediente aberto á xornalista Tati Moyano

Moyano celebra a resolución como unha "vitoria colectiva e social"

Tati Moyano y Alfonso Hermida. FACEBOOK
photo_camera Tati Moyano y Alfonso Hermida. FACEBOOK

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente aberto á xornalista Tati Moyano por unha "falta moi grave" ao utilizar ás instalacións da CRTVG para maquillarse antes de asistir a unha gala benéfica contra o cancro, fóra do seu horario de traballo.

En dita gala —que tivo lugar o 22 de xuño— Moyano fixo unha defensa da independencia nos medios de comunicación públicos e das protestas de traballadores coñecidas como venres negros, que denuncian a presunta manipulación informativa do ente público. Cinco días despois, a compañía abriu o expediente informativo contra a xornalista, un feito que o comité da CRTVG e os grupos da oposición no Parlamento relacionaron coa reinvindicación pública de Moyano na evento, no que estaba presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Catro meses despois, a CRTVG emitiu a resolución de arquivo do expediente, na que dá por acreditado o uso do servizo de maquillaxe por parte da xornalista, pero engade que algunhas das traballadoras recoñeceron que prestaron ese servizo "a título de amizade ou en horario de descanso". 

Engade, ademáis, que existía entre o persoal de vestiario, maquillaxe e perruquería, o "convencemento" dun "tácito consentemento da CRTVG á prestación dos servizo", dado que a participación de Moyano na gala benéfica era consecuencia do seu "coñecemento público" como presentadora do Telexornal Serán —posto ao que renunciou xunto a Alfonso Hermida como protesta polo control informativo dos medios—. "Desde esta perspectiva podería xustificarse a prestación de medios da CRTVG", sinala a compañía.

"Fin. Para min, a mellor noticia do día: a vitoria colectiva e social que vén demostrar que non todo vale. Grazas unha vez máis polo voso alento e apoio, sen eles sería moito máis difícil. Agora si. Seguimos!", escribiu Moyano en Twitter este luns tras coñecer o arquivo do expediente. 

Comentarios