Cruzamento de acusacións pola 'non supresión' da peaxe da AP-9 en Redondela

Caballero culpabiliza ao Goberno saínte do PP, que prometeu a súa supresión para xuño-xullo, mentres a Xunta sinala ao Executivo central

Cabinas en un peaje de la AP-9. DAVID FREIRE
photo_camera Cabinas en un peaje de la AP-9. DAVID FREIRE

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este martes responsabilidades ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e á presidenta do Congreso, Ana Pastor, na súa condición de exministra de Fomento, pola indefinición nos prazos sobre a supresión da peaxe en Redondela da AP-9.

Caballero denunciou en rolda de prensa que o Goberno saínte non encargou sequera o estudo de custo económico sobre as indemnizacións á concesionaria Audasa, "o primeiro paso" que habería que dar, nin contactou con esta, a pesar de que o último prazo que deu Fomento para eliminar esta peaxe era este mes de xullo.

O alcalde de Vigo recordou que en xaneiro o exministro Íñigo de al Serna anunciou a eliminación da peaxe de Redondela e deu como data xuño; e que logo en marzo, nun acto en Lugo, xunto co presidente da Xunta, atrasouno a xullo.

Tras o cambio de Goberno, o Ministerio de Fomento, agora encabezado polo socialista José Luís Ábalos, constatou que non se realizaron esas xestións, o que segundo Caballero supón "unha mentira inmensa, unha gran falsidade".

Algo do que responsabilizou a Feijóo, ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy e á presidenta do Congreso, Ana Pastor. Cre Caballero que "os que aínda están en política", en alusión a Feijóo e Pastor, "deben empezar a asumir as súas responsabilidades", e engadiu á lista de agravios a Vigo outra "mentira masiva", a da tramitación da variante de Cerdedo da conexión con Madrid por alta velocidade ferroviaria.

Finalmente, o alcalde de Vigo preguntouse se o seu homólogo en Redondela, o popular Javier Bas, vai convocar un pleno "para pedir a dimisión" de ambos. 

A OUTRA VERSIÓN. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou este martes que na administración autonómica "lles sorprende e preocupa" que o Ministerio de Fomento "cuestione e poña en dúbida todos os acordos, os compromisos adquiridos con Galicia" polo anterior Executivo.

En declaracións aos medios, Vázquez recordou que "primeiro foi a chegada do Ave a Galicia e agora, a supresión da peaxe -da autoestrada AP-9- en Redondela".

Sobre isto último, a conselleira apuntou que a Xunta "púxoo sobre a mesa hai moito tempo" nas súas conversacións co anterior ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, "atendendo a un clamor social e empresarial", e en consonancia cunha "demanda unánime no Parlamento de Galicia".

Ethel Vázquez garantiu que desde a administración galega "seguiremos insistindo e demandando esta supresión da peaxe" en Redondela, do mesmo xeito que co Goberno de Mariano Rajoy.

Comentarios