Este sábado 10 de marzo cúmprense 25 anos dunha das imaxes históricas nas case catro décadas de vida do Parlamento de Galicia: o zapato en man co que o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras tratou de chamar a atención do entón presidente da Xunta Manuel Fraga.
Durante un pleno celebrado en marzo de 1993, o por aquel entón líder do BNG, Xosé Manuel Beiras, emulou ao dirixente soviético Nikita Khrushchev e, zapato en man, censurou a actitude do Partido Popular en protesta por un cambio no regulamento electoral que elevaba ao 5 por cento a porcentaxe necesaria para ter representación na Cámara.
Naquela lexislatura, na que a Alianza Popular de Manuel Fraga gobernaba con maioría absoluta, o Bloque Nacionalista Galego era a terceira forza política en O Hórreo con cinco deputados.
Medio ano despois, nas eleccións celebradas en outubro de 1993 e xa coa obrigatoriedade do citado 5% para lograr escano, a formación frontista cultivaría un histórico resultado, pasando de cinco a 13 parlamentarios e dobrando a porcentaxe de voto rexistrado nos anteriores comicios.
UNIRSE "AO EXÉRCITO ZAPATISTA". A estampa foi lembrada na campaña das autonómicas de 2012 xa con Beiras fóra do BNG e como cabeza de cartel da coalición electoral Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) formada por Esquerda Unida e Anova, formación nacionalista xurdida logo da ruptura do Bloque.
Nesa campaña, durante un mitin celebrado en Santiago, o hoxe alcalde de Santiago e por aquel entón rexedor de Teo (A Coruña), Martiño Noriega, chamou aos alí presentes a unirse ao "exército zapatista de Galicia" e levantar o seu calzado para lembrar o momento do ano 1993.
Anova-Irmandade Nacionalista, formación da que é fundador e referente Beiras, tamén rememorou este sábado 10 de marzo a efeméride a través dunha mensaxe nas redes sociais: "Hoxe hai 25 anos desta imaxe. Sempre na defensa de Galicia e das maiorías sociais agredidas. Construíndo Unidade Popular", di o tuit de Anova, que agrega unha instantánea do icónico momento.
Cúmprense 25 anos dunha das imaxes históricas do Parlamento galego: o zapato en man de Beiras
O líder político, naquel momento no BNG, sacou o calzado para mostrar a súa disconformidade coa actitude do goberno de Alianza Popular
