miércoles. 22.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 22.09.2021
El tiempo

David Bruzos: "O problema de En Marea é que cada día é referente de menos xente, é máis pequena"

David Bruzos. PEPE FERRÍN (AGN)
David Bruzos. PEPE FERRÍN (AGN)

Logo do seu efémero paso polo Congreso na lexislatura exprés entre 2015 e 2016, este profesor de Química ourensán volve á primeira liña política para pórlle rostro ao sector de En Marea que quere un cambio de rumbo do espazo común. O seu obxectivo é abrir o partido a máis xente, contar cos partidos políticos e non prescindir de ninguén: nin de Villares

Regresa vostede á primeira liña política. Quen llo pediu?

Houbo varias persoas que me preguntaron pola miña dispoñibilidade, pero, como adoita ocorrer neste tipo de negociacións, foi unha proposta colectiva.

Seguiu na política tras o seu efémero paso polo Congreso en 2016?

Sigo participando en Ourense en Común, aínda que menos do que me gustaría polas dúas pequenas que teño. Dentro de En Marea si que dera un paso atrás, porque asumín certa responsabilidade persoal cando non fun reelixido na repetición das eleccións. Logo tamén colaboro nos movementos sociais e no sindicalismo educativo, a maiores de dar clase.

Que palabra define o proxecto que encabeza para En Marea?

Integración. Pensamos que isto non ten sentido se non é integrando no espazo a todos os que queiran estar ou amosen interese e gañas de participar, do xeito que cada quen prefira. Debemos tentar que estean a gusto e facer un esforzo permanente de mirar fóra para ver quen non chegou aínda.

Acusan a En Marea de ser un partido urbanita nunha Galicia rural. É o mesmo que din da súa lista...

Temos perfís de todo tipo. É certo que teñen máis peso as cidades, pero tristemente esa é a realidade galega, onde hai máis protagonismo urbano a nivel demográfico, económico ou social, polo que o feito de que haxa máis representación deses espazos responde á lóxica. Pero iso non significa que vivamos de costas ao rural.

Que cre que distingue a súa lista da que lidera Luís Villares?

Volvería incidir nesa integración e, do mesmo xeito, na diversidade. A nosa é unha candidatura diversa porque a sociedade galega tamén o é. Hai xente á que eu lle podo caer mal no persoal, pero se ao meu carón hai persoas coas que teñen mellor sintonía, pois aquí teñen un oco. Temos que tentar que En Marea sexa máis diversa.

Nesa diversidade vostede quere darlle máis protagonismo aos partidos políticos que hai detrás da marca común En Marea.

Eu penso que teñen que estar. Non concibiría perder o seu capital político, porque todos, con máis ou menos percorrido, teñen cousas que achegarnos.

Pero non é arriscado dar tanto peso aos partidos? Dígoo por se acaban por facerse cos mandos ou lle restan horizontalidade ao espazo.

Sigo pensando que non. Eu estaría encantado de que a nosa candidatura puidese ser completamente horizontal e tivese catro, cinco ou seis portavoces... Pero existen as organizacións políticas e algunhas teñen peso e son capaces de mobilizar moita xente; así que se somos capaces de que traballen con nós e sintan que este é o seu espazo, arrastrarán toda esa xente ao noso proxecto. Non temos que problematizar iso, senón ter as portas canto máis abertas, mellor.

Que relación ten con Luís Villares?

Cando Luís entrou eu acababa de saír, así que apenas coincidimos. Teño un trato cordial e penso que é unha persoa moi válida e moi valiosa que non podemos perder.

Entón, non é dos que prescindiría del como voceiro parlamentario se perde estas primarias?

Nin moito menos! Creo que temos un grupo parlamentario fantástico onde Luís está facendo bo traballo. Aquí non sobra ninguén.

A integración dos perdedores no Consello das Mareas é unha obriga do regulamento interno, pero na coordinadora non hai por que facelo. Defendería esa integración?

Todo ten que ser segundo o regulamento, pero eu insisto na nosa liña: temos que seguir facendo esforzos para que todos se sintan cómodos e o que non quede primeiro tamén debería ter representación en todos os órganos. Quen decide son os inscritos, pero o Consello e a coordinadora son os máximos órganos entre plenarios e canto máis diversos sexan e máis xente os teña como referentes, mellor.

Vese favorito logo do incremento do censo en 1.500 persoas?

Teño a sensación de que parte da nosa lista cre que temos moitas opcións, pero a última palabra é dos aproximadamente 4.300 inscritos.A min este proxecto volve ilusionarme e vexo moi positivo que haxa este debate.

Que fixo mal En Marea nos últimos tempos para non consolidar o seu liderado na esquerda?

Hai moitas variables e resulta difícil enumerarlas e cuantificar o peso de cada unha. Algúns debates que tivemos, que sempre son benvidos, foron subidos de ton e iso non é positivo. Pero o fundamental é que En Marea se fixo cada vez máis pequena, e non no sentido numérico senón que cada día menos xente nos ve como referente, porque cada vez son menos os que atopan aquí o seu espazo.

Gustaríalle volver á política institucional de cara a 2019 ou 2020?

Non estou agora mesmo pensando niso en absoluto nin é o papel que se me encomenda. Toca abrir portas e xanelas e será máis adiante cando se tome a decisión do papel que debe xogar cada quen. 

David Bruzos: "O problema de En Marea é que cada día é referente de...
Comentarios