Denunciadas sete persoas por celebrar unha churrascada nunha nave en Culleredo

Desde o exterior do inmoble escoitábase música "a alto volume"
Os denunciados estaban a celebrar unha festa nunha nave en Culleredo. GARDA CIVIL
photo_camera Os denunciados estaban a celebrar unha festa nunha nave en Culleredo. GARDA CIVIL

A Garda Civil de Culleredo, en colaboración coa Policía Local da mesma localidade, identificaron sete persoas por incumprir o estado de alarma tras ter coñecemento da celebración dunha festa nunha nave industrial da localidade de Ledoño, na que tiñan bebidas alcohólicas e churrasco.

Segundo relatou o Instituto Armado, axentes desprázanse ao lugar xunto con outras patrullas da localidade de Arteixo e da Comandancia da Coruña, onde comprobaron como desde o exterior dunha nave escoitábase música "a alto volume".

Tras acceder ao interior da nave industrial os axentes atopáronse a sete persoas que consumían bebidas alcohólicas, pan e restos de churrasco.

Por iso, todos os asistentes á festa foron informados de que serán propostos para sanción por incumprir os preceptos legais do estado de alarma, á vez que se lles instou a abandonar o lugar e dirixirse aos seus respectivos domicilios. En concreto, formuláronse sete denuncias administrativas á Delegación do Goberno.

A Garda Civil recorda que para resolver calquera dúbida referente ao cumprimento do estado de alarma, ten a disposición do cidadán o número de teléfono 981 16 78 00, extensións 313 e 297.

Comentarios