Denuncian o desafiuzamento dun matrimonio de avanzada idade sen recursos en Sada

Un avogado de Stop Desafiuzamentos Sada, Antonio Vázquez, explicou que ambos están enfermos e carentes de recursos económicos

A asociación Stop Desafiuzamentos denunciou este luns ante a sede do Banco Santander na Coruña o desafiuzamento da súa vivenda dun matrimonio de avanzada idade e sen recursos no municipio coruñés de Sada.

Un avogado de Stop Desafiuzamentos Sada, Antonio Vázquez, explicou que ambos están enfermos e carentes de recursos económicos, polo que deben ter dereito a unha suspensión do desafiuzamento.

Unha filla do matrimonio indicou que un mes antes de que se ordenase a execución da hipoteca, os seus pais solicitaron unha moratoria ao serlle diagnosticado a un deles a enfermidade de Addisons, unha doenza directamente relacionada coa tensión.

Directivos do banco reiteraron "sen ningún tipo de argumentación" que persiste o "propósito de desafiuzamento" atendendo a que non cumpren os requisitos, "cando con arranxo a esa moratoria terían dereito a unha suspensión de desafiuzamento", segundo o letrado.

Stop Desafiuzamentos denuncia o carácter abusivo da hipoteca xa que, ademais de incluír unha cláusula de vencemento anticipado, "unha figura que en moitos casos foi considerada abusiva e non transparente", engade tamén unha cláusula solo do 6,5%.

O avogado de Stop Desafiuzamentos subliñou que o matrimonio está pendente dunha resolución da Audiencia provincial da Coruña, á que o colectivo recorreu ao ser negada a moratoria polo xulgado. Segundo a citada asociación, o matrimonio cumpre todos os requisitos que estipula a lexislación para a suspensión do desafiuzamento.

Comentarios