
A polémica avivouse despois de que Rajoy utilizase o topónimo en castelán na súa despedida
A Deputación de Pontevedra considera "escandaloso" que a Real Academia da Lingua Española (RAE) recomende o uso da grafía "Sangenjo" para referirse ao municipio pontevedrés cuxo nome oficial en Sanxenxo. A polémica xurdiu despois de que Mariano Rajoy utilizase o topónimo en castelán durante o discurso no que anunciou que deixaba a presidencia do PP.
O deputado Xosé Leal, responsable de Cultura e Lingua no goberno provincial que integran PSOE e BNG, censurou o uso deste topónimo "incorrecto" e que, segundo denunciou, "está fóra dos usos oficiais".
A recomendación que, a través da súa conta de Twitter, fixo a RAE nas últimas horas é unha "falta de respecto", segundo Leal, para quen "parece mentira" que unha institución de gran "calado científico" como esta xere polémicas "tan negativas" e que lle fan un "fraco favor" á lingua.
#RAEconsultas topónimo ten en español a grafía «Sangenjo».
— RAE (@RAEinforma) 6 de xuño de 2018<>
A "desafortunada" recomendación da RAE, segundo o deputado, "choca co propio labor científico que se lle presupón a unha institución de tanto arraigamento".
A RAE, como organismo oficial, engadiu Xosé Leal, debe rexerse polo uso oficial dun topónimo "sexa do lugar que sexa".
O goberno provincial esixe que a Xunta de Galicia solicite unha "rectificación formal" da RAE por ir "en contra" do nomenclátor aprobado oficialmente pola administración autonómica.