Detido en Vigo por conducir sen carné, negarse ao test de alcol e atacar os axentes

O mozo tratou de cravar un bolígrafo a un policía
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un mozo de 19 anos, de iniciais D.R.R., como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria e outro de atentado a axentes da autoridade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do luns, cando unha dotación do 092 que circulaba pola Avenida do Aeroporto se cruzou cun vehículo que realizou unha manobra irregular, ao dar un xiro brusco para entrar nunha rúa sen respectar a liña continua.

A dotación policial seguiu o condutor polo Camiño Rosendo, que non ten saída, ata que o mozo se detivo. Cando os axentes se achegaron e lle pediron a documentación, o condutor comezou a insultalos e a ameazalos, mentres golpeaba o cadro de mandos do vehículo. Aínda que os funcionarios intentaron acougalo, o mozo saíu do coche e intentou cravarlle un bolígrafo a un dos axentes, á vez que lanzaba patadas, polo que foi reducido.

A Policía denunciou outros dous condutores que circulaban sen carné

Os policías comprobaron que o mozo non tiña carné de conducir e, ademais, negouse a realizar a proba de alcoholemia, polo que foi detido, a pesar de que opuxo gran resistencia.

OUTRAS DENUNCIAS. A Policía Local de Vigo informou tamén da tramitación dunha denuncia contra outros dous condutores, que circulaban sen carné de conducir. A primeira delas interpúxose contra un home de 24 anos, que foi interceptado na rúa Toxal.

A segunda tramitouse contra outro condutor que foi sorprendido no Parque de Matías xunto outros dous mozos. O condutor carecía de permiso e deu positivo no test de drogas, mentres que os outros mozos tamén foron denunciados por incumprir o estado de alarma.