Un detido e dous investigados por un roubo nunha vivenda en Ponteareas

Subtraeron unha caixa forte, con diñeiro, que se atopaba ancorada dentro dun armario, ademais dun reloxo e unha escrava de ouro

Unha das imaxes que recolleu a cámara de seguridade do edificio onde se produciu o roubo (Ponteareas). GARDA CIVIL
photo_camera Unha das imaxes que recolleu a cámara de seguridade do edificio onde se produciu o roubo. GARDA CIVIL

A Garda Civil detivo un veciño de Ponteareas e investiga outros dous como presuntos autores dun roubo con forza perpetrado a principios deste mes nunha vivenda situada no centro urbano da mesma localidade. 

Segundo informou o Instituto Armado, na denuncia formulada polo propietario indícase que os autores accederían ao piso pola porta principal sen necesidade de forzala, dado que non tiña a chave pasada. 

Unha vez no interior, relatan as mesmas fontes, subtraeron unha caixa forte, con diñeiro, que se atopaba ancorada dentro dun armario, ademais dun reloxo e unha escrava de ouro. 

A través das imaxes obtidas polo vídeo cámara situada no edificio, o Equipo da Área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas, que se fixo cargo das investigacións, puido chegar á identificación dos presuntos autores do roubo. 

No vídeo, indica a Benemérita, pódese apreciar a un dos autores cando saía do edificio cunha bolsa de deportes, na que supostamente levaba a caixa forte subtraída. 

Os identificados son tres veciños da mesma localidade, en idades comprendidas entre os 43 e os 53 anos. Un deles foi detido como principal responsable do roubo, en tanto que os outros dous foron investigados penalmente polo mesmo delito.

RESIDENTE NO EDIFICIO. En canto aos dous investigados, un vive no mesmo edificio onde se cometeu o roubo e o outro foi o que, valéndose da súa experiencia profesional, abriu a porta cunha radiografía. 

As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, onde deberán comparecer os implicados cando sexan citados.