Detido un home por venda de drogas no Porriño tras cinco anos fuxido

No momento do arresto levaba encima cocaína, marihuana e un walkie-talkie empregado para que unha terceira persoa o alertase da presenza policial

A Policía Local do Porriño detivo un home de 47 anos relacionado coa venda de estupefacientes e sobre o que pesaba, ademais, unha orde de arresto e ingreso en prisión desde facía cinco anos.

O detido que levaba días sendo investigado pola policía, vendía a droga en dúas zonas do centro urbano desta localidade.

No momento da detención levaba encima cocaína, marihuana e un walkie-talkie empregado, presuntamente segundo a policía, para que unha terceira persoa o alertase da presenza policial.

O home foi ingresado no cárcere da Lama e conta con seis arrestos por tráfico de drogas.