Detido en Lugo un menor con sete incumprimentos do confinamento cando estaba "de festa"

O arrestado estaba con outros dous mozos e "golpeou, insultou e arremeteu" contra os policías
Coches da Policía Nacional. DP
photo_camera Coches da Policía Nacional. DP

Axentes da Policía Nacional detiveron en Lugo un menor por incumprir as restricións do estado de alarma tras ser localizado cando baixaba dun coche con outros dous mozos cunhas botellas de cervexa. O mozo fora sancionado xa en sete ocasións anteriores.

Segundo a información da Policía Nacional, os feitos sucederon na madrugada deste mércores, cando efectivos de Radiopatrullas observaron na estrada de Ombreiro a tres mozos que saían dun vehículo recentemente estacionado. Dixeron aos axentes que "estaban de festa".

Os axentes solicitaron a colaboración da Policía Local para someter o condutor do vehículo á correspondente proba de alcoholemia.

No que se refire ao menor detido, "négase de forma reiterada a recluírse no seu domicilio". De feito, "horas antes fora sancionado" e trasladado á súa casa pola Policía Local.  Por iso, foi arrestado e trasladado á comisaría para tramitar un atestado ante as autoridades xudiciais, ademais de informar á Fiscalía de Menores.

A Policía asegura que, durante o traslado a dependencias policiais e xa nelas, o detido "golpea, insulta e arremete" contra os policías, e non depuxo "a actitude agresiva en ningún momento".

Comentarios