Pillados 'in fraganti' cando colleitaban unha plantación de marihuana en Portas

A Garda Civil arrestou cinco veciños do Salnés tras pillalos in fraganti, dous deles con antecedentes por narcotráfico

Plantas de marihuana en Caldas de Reis
photo_camera Plantas de marihuana en Caldas de Reis

A Garda Civil detivo esta semana a cinco veciños da comarca do Salnés –catro homes e unha muller– aos que sorprendeu in fraganti colleitando unha plantación de marihuana na localidade pontevedresa de Portas, por un presunto delito contra a saúde pública. Incautáronse medio centenar de plantas de cannabis e os elementos técnicos do invernadoiro. 

En concreto, segundo apuntaron fontes da Garda Civil nun comunicado remitido este domingo aos medios, procedeuse á detención das cinco persoas que foron sorprendidas na plantación: J.P.R. e A.P.C., pai e fillo, con domicilios en Ribadumia e Vilanova de Arousa, respectivamente; JA.L.R., de Cambados, e a súa parella, MD.F.S., de Vilanova; e C.P.M., de Cambados. Dous dos detidos teñen antecedentes por tráfico de drogas. 

Así, por mor das pescudas realizadas polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración co posto de Caldas de Reis, tívose coñecemento dunha plantación de cannabis activa nunha leira contigua a unha vivenda situada na parroquia de Romay, no municipio de Portas.

Ao inspeccionar a leira, a Garda Civil localizou a cinco persoas que estaban a colleitar os cogollos dunha plantación de marihuana no interior dun invernadoiro contiguo á vivenda. Segundo as investigacións realizadas, os responsables da plantación alugarían a leira e o baixo da vivenda, unicamente para fins de cultivo, secado, tratamento e elaboración da marihuana. 

No invernadoiro, que estaba perfectamente dotado dos correspondentes sistemas de iluminación e ventilación, incautáronse 50 plantas de considerables dimensións, de dous e tres metros de altura. No baixo da vivenda interviñéronse varias caixas e sacos cunha importante cantidade de ramas cortadas, previamente seleccionadas. 
As cinco persoas foron detidas como supostas autoras dun delito contra a saúde pública, por cultivo ou elaboración de estupefacientes.

Con esta actuación, enmarcada dentro dos servizos que a Garda Civil de Pontevedra ten activados para a detección e erradicación de puntos de produción, venda e distribución de sustancias estupefacientes, evitouse que a dose que se puidesen obter da marihuana intervida se destinase ao tráfico de drogas (menudeo). 

As dilixencias instruídas polos efectivos da Garda Civil, xunto coas plantas intervidas, foron postas a disposición do xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis, onde deberán comparecer os detidos cando sexan requiridos. 

Comentarios