Detidos en Vigo por agredir e toser na cara a varios policías

Os axentes sorprendéronos vulnerando o estado de alarma
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron unha parella, un home de 26 anos de idade, J.M.A., e unha muller de 28 anos, A.M.N., como presuntos autores dun delito de atentado contra axentes da autoridade, tras agredir, insultar e toser na cara aos policías que os identificaron ao sorprendelos vulnerando o estado de alarma. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada do luns, cando unha dotación sorprendeu a esta parella camiñando pola rúa Doutor Corbal en dirección ao parque da Guía. 

Ao ser preguntados polos axentes, o home respondeu que estaban a buscar unha farmacia, aínda que acabou por recoñecer que se dirixían a casa dun coñecido a cobrar un diñeiro pactado entre ambos. 

Cando os axentes os informaron de que serían propostos para sanción, xa que o motivo do desprazamento non está xustificado no Real Decreto do estado de alarma, o home, que camiñaba cunha muleta, golpeou a un dos policías nun brazo e intentou propinarlle unha patada. 

Dado que non depuxo a súa actitude, e comezou a insultar e ameazar gravemente aos policías, o home foi reducido e detido. Nese momento, a súa parella tamén se encarou cos axentes, e propinou dúas patadas nas pernas a unha das funcionarias actuantes, polo que tamén foi detida. 

Cando xa estaban detidos e se atopaban á espera de ser asistidos por un médico, a muller arrestada volveuse cara á axente de Policía e, tras insultala, toseulle na cara deliberadamente, mentres que a súa parella tamén se revolveu e tirouse ao chan. Ambos os sospeitosos foron derivados ao Hospital Álvaro Cunqueiro e, posteriormente, trasladados a dependencias policiais, antes de ser postos a disposición xudicial.