Detidos en Vigo por tráfico de drogas dous homes con numerosos antecedentes

Os arrestados actuaban nas inmediacións dun centro comercial e un centro educativo, lugar de gran afluencia de menores

Diñeiro, droga e armas atopadas nos rexistros. POLICÍA NACIONAL
photo_camera Diñeiro, droga e armas atopadas nos rexistros. POLICÍA NACIONAL

Axentes de Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un home español de 54 anos e a outro colombiano de 26, ambos con numerosos antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. 

Segundo informaron fontes policiais, as detencións practicáronse tras despregarse un operativo de vixilancia nas zonas de Canadelo Alto, Travesía de Vigo, San Roque, e Avenida de Madrid. A investigación, a cargo do grupo UDEV-Drogas, con apoio da Unidade de Prevención e Reacción, iniciouse por informacións "cruzadas" doutras investigacións levadas a cabo pola Comisaría de Vigo. 

As mesmas fontes sinalaron que se deu prioridade a este operativo debido á alarma social que xera este tipo de delito, sobre todo tendo en conta que os arrestados actuaban nas inmediacións dun centro comercial e un centro educativo, lugar de gran afluencia de menores. 

Da vixilancia da zona, a Policía puido constatar que os dous sospeitosos vendían cocaína tanto nos seus domicilios de Canadelo Alto e San Roque, como noutros puntos da área delimitada entre Travesía de Vigo, Aragón, Martínez Garrido e Avenida de Madrid. 

Así, ambos valíanse dunha motocicleta coa que se dirixían, a diferentes horas do día, aos puntos prefixados para realizar as transaccións de droga cos clientes.

DETENCIÓN E REXISTROS. Co visto e prace do xulgado, a Policía procedeu á detención destes dous homes, e ao rexistro dos seus domicilios. Así, interviñéronse "importantes cantidades de cocaína", sustancias de corte, pesas e efectos para preparar a droga, varios teléfonos móbiles, armas prohibidas e munición, así como diñeiro en metálico, segundo informaron fontes policiais. 

Unha vez en Comisaría, comprobouse que un dos detidos ten 43 antecedentes policiais, mentres que, ao home máis novo, cónstanlle 14 antecedentes. Os arrestados e os efectos intervidos foron postos a disposición do xulgado de instrución número 3 de Vigo. 

Comentarios