Dous detidos por unha trintena de roubos en bares e restaurantes do Grove e Sanxenxo

Os sospeitosos foron interceptados pouco despois de cometer un roubo nun bar da parroquia de Padrenda, en Meaño

 

A Garda Civil detivo a dous veciños da comarca do Salnés como presuntos autores de 27 roubos que se produciron durante os últimos meses en establecementos de hostalaría dos municipios do Grove e Sanxenxo, na provincia de Pontevedra. As investigacións que desenvolveron conxuntamente efectivos da Garda Civil das dúas localidades culminaron este venres coa detención de G.G.L., de 32 anos, veciño de Sanxenxo e de R.F.B., de 36, veciño do Grove, aos que se lles acusa de cometer case unha trintena de roubos con forza nas cousas. 

A operación, denominada Bombin-Gro, iniciouse por mor dunha secuencia de roubos que se produciron en establecementos de hostalaría, especialmente, en bares, restaurantes e cafetarías dos dous municipios.  Tras as pescudas realizadas, o operativo de vixilancia localizou na madrugada deste venres os dous sospeitosos que se estaban investigando pouco despois de cometer un roubo nun bar da parroquia de Padrenda, no termo municipal de Meaño, segundo informa a Garda Civil.

FUXIDA DA GARDA CIVIL. Tras cometer o roubo, os sospeitosos, que circulaban nun BMW propiedade da noiva dun deles, non atenderon o sinal de alto que lles deu unha patrulla á altura da rotonda de Ardia (San Martiño), e se deron á fuga en dirección ao Grove, onde abandonaron o vehículo.  A continuación, iniciaron unha fuxida a pé polo centro urbano do Grove e realizaron unha chamada ao servizo de emerxencias 112, alertando, "infructuosamente", dun roubo nun polígono industrial da zona para desviar a atención e poder recuperar así o seu vehículo. 

Finalmente, tras ser localizados e detidos, durante a mañá do venres realizáronse senllos rexistros nos seus respectivos domicilios, nos que se recuperaron efectos que foran subtraídos noutros establecementos. 

No interior do coche tamén se localizaron botellas de bebida e tabaco, sustraídas do bar, ademais de útiles e ferramentas que, supostamente, utilizaban para cometer os roubos. 

A Garda Civil informou que, en base aos resultados dos dous rexistros e ás probas obtidas no marco da investigación, atribúeselles aos dous detidos a comisión dun total de 27 roubos con forza nas cousas, a maior parte deles en restaurantes, bares e cafetarías na zona —14 deles no Grove e os 13 restantes en distintas parroquias do municipio de Sanxenxo—. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, onde deberán comparecer os detidos cando sexan citados.