Dúas persoas poden desprazarse ás súas leiras de autoconsumo se o traballo o require

Deberán levar consigo unha declaración responsable 
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Unha horta. ARQUIVO

Dúas persoas poderán desprazarse dentro do municipio no que residan ou a outro veciño para realizar xuntas labores en leiras de autoconsumo se é necesario polo tipo de cultivos e traballados a realizar. Detallouno a Consellería do Medio Rural, logo de que se publicase este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde para coordinar as cuestións relativas aos desprazamentos de agricultores non profesionais de acordo coa norma do 30 de abril do Ministerio de Sanidade.

En concreto, segundo o publicado polo ministerio, os traballos realizaranse de forma individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores ou por outra causa xustificada. Con todo, será sempre polo tempo indispensable e debendo en todo momento respectar as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos polas autoridades sanitarias. Respecto diso, segundo o tipo de cultivo ou labores que se deban levar a cabo, agora a Xunta sinala que se poderán desprazar ata dúas persoas.

A Administración autonómica explica que a necesidade de desprazamento deberá expoñerse nunha declaración responsable que se deberá levar consigo. Nese documento, deberanse incluír as leiras nas que levan a cabo os cultivos ou os coidados das viñas, incluíndo a identificación da parcela así como o tipo de cultivos. Deste xeito, poderanse realizar as oportunas comprobacións, controis e inspeccións para verificar o contido.

Pódese acreditar a condición de profesional coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Comentarios